Tres condenas en dez días para o rapeiro Pablo Hasel

 O rapeiro comunista enfronta unha suma de case catro anos de cárcere pola suma de tres sentenzas de de tres xuizos diferentes: Dous anos e medio por agredir a unha testemuña (segundo él falsa) que exculpou a un policía acusado de mallar nun menor; seis meses por empuxar e “coaccionar” a un cámara de tv3 no transcurso dunha protesta; e finalmente outros nove meses por enaltecemento do terrorismo. A estas sentenzas habería que engadir outra máis, de dous anos de cárcere e tamén por enaltecemento do terrorismo, que quedara en suspenso desde 2014.
As sentenzas por “enaltecemento do terrorismo e inxurias á coroa e as institucións” que elevaron ao candeleiro mediático a este rapeiro catalán (e que moi probablemente sexan as responsables da persecución xudicial que agora padece) baséanse nas letras das súas cancións e comentarios nas redes sociais. O fallo do tribunal supremo destaca algunha das frases nas que fundamenta a condea como: “Garda Civil torturando ou disparando inmigrantes”; “cuadrilla de psicópatas que golpean a quenes esiximos os nosos dereitos”; “os antidisturbios golpearon e torturaron sempre a miles de persoas”, ou “a policía asasina con total impunidade”.
Ademais das penas de prisión directa, as condenas inclúen miles de euros en multas que, de non pagarse, sumarían máis anos de cárcere.
A persecución contra Pablo Hasel enmárcase na deriva represiva e totalitaria que xa levou a outros artistas ante os tribunais por expresar as súas ideas políticas e contestatarias. É o caso de Valtonyc (fuxido en Bélxica), “La Insurgencia”, Adam Molotov, Ayax e Prok… e ata Cesar Strawberry (cantante de DefConDos). Todos eles perseguidos polo contido das súas letras ou os seus comentarios de internet. Neste senso non podemos esquecer a chamada “operación araña”, utilizada pola garda civil para sentar no banquillo a persoas anonimas por suposto enaltecemento do terrorismo nas redes sociais. O que foi moi criticado ata por Amnistia Internacional.
Agora os partidos no goberno son “de esquerdas”, mais iso non semella un cambio na escalada represiva á que nos enfrontamos. Moi pola contra o uso desproporcionado e abusivo da lei mordaza durante o confinamento, ou os amagos de usar a censura para reprimir os bulos, sinalan precisamente na dirección contraria.
.
.
Por Robinjuz, con información extraída da prensa comercial e do twitter de Pablo Hasel.

Leave a comment