Ai Pastora, canto te estrañamos!

Por Robinjuz

Fai agora pouco máis dun ano foise unha persoa moi grande. A máis grande. Pastora, nai biolóxica de Xosé Tarrío e adoptiva de todo o movemento  anticarcerario galego (e do mundo enteiro) deixounos orfxs a todxs. Incombustible loitadora de personalidade arroiadora, libertaria por intuición e rebelde por vocación, oradora incansábel. A desaparición desta grandiosa muller de verborrea inconteníbel e corazón tan grande como apaixonado, deixa en Galicia (e no mundo) unha ausencia imposíbel de substituír. Con ela caeu un dos alicerces nos que se cimentaba todo o movemento  antirrepresivo destas verdes terras galaicas. A súa forza, o seu empuxe e a súa paixón marcaron de forma indeleble a máis dunha xeración. O seu sorriso, inmenso, profundo e sincero foi como un bálsamo nos momentos difíciles. As súas gargalladas, cristalinas e espontáneas, non só puxeron música alegre á nosa loita libertaria, senón que fixeron tremer os muros dos centros penitenciarios.

Nos coñecémola hai máis de dúas décadas, cando o seu fillo Xosé Tarrío aínda non saíra do talego e apenas acababa de sacar o seu libro de irredutíbeis vivencias carcerarias. Por aquel entón ela militaba, xunto a Pepita (outro referente irrepetíbel), nun colectivo chamado “Nais en Loita”, asiduo de protestas e manifestacións. Ao pouco comezamos a realizar as marchas á prisión de Teixeiro, nas que axiña se convertería numha personaxe imprescindíbel: moitas veces ferreamente aferrada ao megáfono, ou disparando atronadores refachos de incendiarios discursos desde a megafonía do coche. Por aqueles tempos foi cando comezou a chamarnos “os  meus rapaces”, apelativo que nunca perderiamos, nin agora que hai tempo que peiteamos canas. E é que aquelas ovellas negras aos poucos nos estamos a volver grises. Cousas da vida.

Despois foi cando Xosé saíu do cárcere. Non me estenderei moito respecto diso, xa o fixen noutras ocasións, pero basta dicir que nos deixou un sabor amargo na boca cando finalmente morreu. Tras quince anos encerrado non soubo adaptarse á vida da rúa. E xs de fóra non soubemos comprendelo nin axudalo (seica non o empeoramos todo). Volveu á droga, volveu ó cárcere e finalmente o monstro inhumano devorador de carne e soños terminou por asasinalo. Se para nós aquilo foi un palazo, para Pastora foi un puñal de xeo atravesado no seu xigantesco corazón que a acompañaría ata o derradeiro día da súa vida. Afortunadamente soubo converter a súa dor en rabia e arremeteu coa forza dun vendaval contra a institución asasina que tan cruelmente lle arrebatara o querido froito das súas entrañas. A loita contra as prisións converteuse a partir dese intre no seu único e apaixonado leitmotiv, na razón mesma da súa existencia. Houbo un tempo en que pensei que aquela loita non lle facía ben: que a lembranza constante do seu drama existencial en charlas e palestras, en protestas e manifestacións, non a deixaba repoñerse; que lle impedía superalo. Pero en canto se afastaba de todo ese mundo, do noso mundo, faltáballe algo, non estaba completa. A loita converteuse nunha parte imprescindíbel da vida daquela muller incansábel. Á fin e ao cabo ela loitou desde o día que naceu e non deixaría de facelo ata o día da súa morte. Diso xa hai un ano.

De procedencia humilde, rebelde por natureza, soubo facer da súa dor un martelo e unha bandeira. Fixo do ataque ao sistema carcerario o motivo da súa existencia. Irradiando forza e humanidade, converteuse nun revulsivo ante o abuso e a autoridade. Foi o mellor altofalante dxs enterradxs vivxs, xs presxs, silenciadxs pola inxustiza estrutural do capitalismo despiadado. O seu discurso potente e apaixonado conseguiu derrubar os muros de impunidade para iluminar unha e outra vez ás novas xeracións de loitadorxs libertarixs. A nai coraxe, o referente definitivo perante a crueldade da institución do castigo… Pero ademais, para xs seus amigxs, foi unha compañeira de corazón de ouro. Queríanos, defendíanos e regañábanos como o que era: a nosa nai na loita.

Ai Pastora! Non sabes o orfxs que nos deixaches. Neste ano fatídico cheo de mortes e desgrazas a túa foi unha perda irreparábel. Eras un carballo, unha montaña, unha roca grande e firme baixo a que acubillarse. Eras á vez un bálsamo para xs teus amigxs e o irredento flaxelo de quen abusaba da autoridade. Foi marchar ti e todo semella desmoroarse; coma se foses a argamasa que unía o noso pequeno desafío contestatario. Coma se contigo marchase a cordura e o entendemento dxs libertarixs autónomos galegxs. Ai Pastora canto te estrañamos!

Leave a comment