marcha de ammar

Entrevista a Nina León sobre o traballo sexual na Arxentina

O pasado 7 de xuño o Estado arxentino sacou o Rexistro Nacional de Traballadores e Traballadoras da Economía Popular (ReNaTEP), recoñecendo o traballo sexual. Isto daría pé a unha serie de dereitos para as e os traballadores sexuais como cobrar prestación por desemprego, xubilación ou bancarización de ingresos, pero ó día seguinte o formulario de inscrición foi dado de baixa da páxina do Ministerio de Desenvolvemento Social da Nación. Pra fablar sobre este e outros asuntos relativos ao traballo sexual en Arxentina tivemos o pracer de conversar con Nina León, traballadora sexual de internet e integrante de AMMAR (Asociación de Mulleres Meretrices de Arxentina), a quen agradecemos moito o seu tiempo e colaboración.

Podes falar un pouco sobre o que supoñía pra vós esta posibilidade de rexistrarvos como traballadoras sexuais?

Pra nós ese Rexistro Nacional de Traballadoras/es da Economía Popular era importante principalmente por dúas cousas: unha, porque dende o propio Estado mencionábasenos recoñecendo o noso traballo, a nosa categoría como traballadoras sexuais, cousa que non acontecera nunca. Este rexistro, deseñado dende o Ministerio de Desenvolvemento Social, era satisfactorio porque non tíñamos que ocultar a nosa categoría como acontece cando queremos ir, por exemplo, a inscribirnos a un monotributo (réxime de pago de impostos), onde temos que rematar dicindo que somos outras cousas e nunca traballadoras sexuais, porque esa categoría non existe e como o que non se nomea non existe, pra nós ese recoñecemento era fundamental.

Por outro lado, era un rexistro que ía permitirlle ao Estado, non só saber a cantidade de traballadores da economía popular dos distintos oficios cun montón de detalles respecto a cómo vivimos, as problemáticas, as necesidades e demáis, senon que permitía tamén saber cantas e cantos exercemos o traballo sexual, baixo qué modalidade, qué cantidade en cada provincia, etc. Ese detalle é o que nos posibilitaba, non só ter unha especie de censo -o último a nivel nacional tivémolo no 2009 e foi realizado polo ministerio de saúde, pero non tiña un enfoque laboral coma este-, senón que era un rexistro que nos mencionaba como traballadoras sexuais pero que ía brindarlle ao Estado un montón de detalles respecto ao noso traballo e a cantidade de problemáticas que existen nel á hora de exercerlo, e iso, posteriormente, ía permitirlle ao propio Estado poder pensar políticas públicas pra o noso sector e incluso a nós poder demandar políticas públicas, entendendo que íamos a ter censadas e censados a un montón de compañeires.

Como cres que este recoñecemento influiría no “estigma puta”? Cres que seguiría habendo clandestinidade polo rexeitamento social ou a xente sentiríase libre pra exercer?

Paréceme que era un paso fundamental pra loitar contra a clandestinidade na que hoxe estamos inmersas. Era un grandísimo paso que mesmo adiantábase a unha lei de traballo sexual que viñamos tamén traballando e deseñando, e é un avance significativo que sexa o propio Ministerio de Desenvolvemento Social (que ten que ver directamente co Ministerio de Traballo) o que nos garanta a existencia da nosa categoría mediante ese rexistro.

violencia institucional
Cartaz contra o acoso policial durante a corentena.

O estigma puta paréceme que atravesa a cuestión de se podemos ter ou non dereitos laborais. Nós sempre dicimos que a oportunidade de acceder a dereitos laborais garántenos mellorar a nosa calidade de vida, tendo acceso a unha obra social, a unhas achegas xubilatorias, a poder tramitar créditos… calquera beneficio que calquera outro traballador ten neste momento ao contar cos seus dereitos laborais. Pero hai outra cuestión que ten que ver co cultural e que nós estamos a abordar e tentando sensibilizar respecto diso: foron moitos anos, moitos séculos os que terminaron criminalizándonos e poñéndonos nun lugar completamente pexorativo ás traballadoras sexuais e iso non se vai a borrar dun día para outro, pero loxicamente que empece a haber un recoñecemento do propio Estado cara ao noso sector é completamente distinto a que se nos siga criminalizando, estigmatizando ou rexeitando ao acceso dunha chea de cousas que nos corresponden. É un traballo enorme cultural que se ten que facer, hai moita xente que terxiversa non soamente o noso traballo, confundíndoo con trata de persoas, e veno como algo malo, cando a realidade é que somos persoas comúns e correntes que optamos por esa opción polo motivo que fóra, sendo o traballo que nos permite pagar os nosos alugueres, soster ás nosas familias, apostar a outros proxectos… Non deixa de ser un instrumento máis como outro traballo. Entón, facer ver isto ás persoas que non exercen o traballo sexual para que dimensionen o dano que nos ocasiona a nós e as nosas familias cada vez que nos discriminan leva a un esforzo enorme. Non todas as traballadoras sexuais visibilízanse por medo a ese rexeitamento familiar, ao distanciamento nas súas contornas… Tamén hai que aprender a respectar o dereito das nosas compañeiras de non visibilizarse polo momento polo motivo que sexa, a acompañalas, aprender a conternos xuntas… Porque se nos enfadamos somos nós as que perdemos, e obviamente enfadámonos moitísimo cada vez que xeran cara a nós unha actitude de estigma, rexeitamento ou discriminación, pero entendemos que tamén é produto de toda a cultura misóxina, machista e patriarcal na que crecemos absolutamente todes e desarticular iso vai levar moitísimo tempo, polo que é unha tarefa que apostamos a facer con moitísima paciencia, sabendo que comeremos unha chea de cachetazos, pero que está a render os seus froitos. Nós sacamos un comunicado a Daniel Arrojo, o ministro de Desenvolvemento Social, e onte, na recompilación de adhesións, realmente emocionábanos: sentíase un cheiro a pobo na cantidade de firmas, na cantidade de apoio, de organismos que nós estrañabamos que estivesen do noso lado e que efectivamente o están, porque ven a nosa loita, a nosa batalla e o que estamos a avanzar, entón as cousas están a cambiar. AMMAR ten 25 anos, eu empecei fai tres e aos seis meses de arrincar xa puiden falalo coa miña familia, e iso non sucedía antes. Tiven compañeiras que se pasaron 10, 15 anos mentindo sobre a súa vida, sobre a súa profesión por medo ao rexeitamento familiar e é realmente angustiante ter que mentir, dicir que es outra cousa, cando sendo traballadora sexual non lle estás facendo dano a ninguén. O feito de que aos 6 meses eu puidese falalo coa miña familia é mostra da contención e abrazo de todas as miñas compañeiras que veñen organizándose no sindicato hai 25 anos, polo que me parece que están a render froitos, máis aló dos retrocesos e de que esteamos a recibir violencia, sobre todo en redes, por parte de sectores antidereitos, pero a realidade é que estamos a avanzar.

Este rexistro, viña con algunha proposta de marco legal sobre a prostitución? Desde AMMAR hai algunha proposta concreta de marco legal? Quizais algún semellante ao doutros países como Nova Zelandia… Tamén me preguntaba se á hora de lexislar o traballo sexual tedes inquietudes de que poidan saír medidas tránsfobas (como en Turquía) ou que limiten demasiado o espazo de traballo (como en Hungría, onde só se pode facer rúa en zonas sinaladas para iso, ou en Grecia, onde só pode exercerse en espazos pechados), ou vedes improbable que poidas darse este tipo de medidas en Arxentina?

Nós xa viñamos traballando nun proxecto de despenalización do traballo sexual. Se ben é certo que nos gusten determinadas leis como o caso de Nova Zelandia, a cal pensamos que ten unha mirada moito máis positiva respecto ao traballo sexual, concretamente creo que aí foi determinante que participasen no deseño desa lei as propias traballadoras sexuais. Nós en todo momento o que diciamos era: non imos permitir que se pense unha lei de traballo sexual sen as traballadoras sexuais. E niso puxémonos en campaña para entender o contexto de Arxentina e o contexto acá é que todos os espazos están penalizados. Aínda que segundo o código penal o noso traballo non é unha actividade legal, despois atopámonos unha serie de normativas, leis, lexislacións, que o único que fan é criminalizar o noso labor. Entón pensamos que o máis adecuado é acompañar unha despenalización completa do traballo sexual nos distintos sectores e doutra banda que sexa unha lei que garanta un acceso a unha xubilación, obra social e demais dereitos laborais que nos corresponden.

Respecto ás persoas anti-dereitos que se opoñen a que o noso traballo sexa despenalizado e a que accedamos aos dereitos laborais… Iso xa existe aquí. Aquí o abolicionismo non actúa como un abolicionismo senón como un sector directamente prohibicionista que quere erradicar completamente o noso traballo. Cando falamos de dereitos laborais para o noso sector nunca dicimos que non se lles brinde alternativas reais a quen queira deixar de exercer a prostitución; nese sentido temos unha mirada moito máis ampla que o abolicionismo, que pretende que directamente deixe de existir. Este é un abolicionismo que encobre un prohibicionismo anti-dereitos directamente. Nós igualmente opoñémonos á idea de traballar coma se estivésemos nun gueto. O espazo imos elixilo nós, iso tamén o tiñamos previsto para o noso deseño de lei.

Acerca de botar abaixo esta medida de recoñecemento a nivel estatal do traballo sexual, houbo algunha explicación a nivel oficial por parte do Estado? Quenes creedes que exerceron tanta presión?

Ás 48 h de que se dese de baixa o formulario, xa se rexistraran 800 compañeiras, moitas outras quedaron fóra. Houbo moito, moito balbordo polas redes sociais, tanto desde o noso lugar como traballadoras sexuais como desde as persoas anti-dereitos. Todo este balbordo ocasionou que lles xerasen dúbidas, non a quen deseñara o rexistro, que eran dúas traballadoras/es da economía popular con quen nós xa viñamos traballando desde o ano pasado, senón a quen apoiaba a iniciativa dese rexistro, que formaban parte do Ministerio de Desenvolvemento Social, e que aí obviamente as augas están moi divididas. Hai que pensar que aquí en Arxentina institucionalmente sempre reinou o abolicionismo e a cuestión do traballo sexual é algo que vén invadindo un pouco os espazos nos últimos 5 anos, pero institucionalmente, e máis a nivel estatal, a nosa existencia agudizouse con todo este contexto de pandemia onde o sindicato cumpriu un rol fundamental contendo a 5000 compañeiras que en realidade deberían ser contidas polo propio Estado, e as cales nós as soubemos apoiar mediante un fondo de emerxencia nacional que funcionou grazas á solidariedade dunha chea de xente sabendo o que territorialmente fai AMMAR. Comunicáronnos que haberá unha mesa de traballo con outros ministerios (Xustiza, DD. HH., Seguridade, Traballo, Mujeres, Xénero e Diversidade) sumado a outras organizacións e colectivos, o cal para nós é unha especie de triunfo porque nunca tivemos a posibilidade de sentarnos a exporlle as problemáticas con tanto detalle ao propio Estado e agora vai ter que facelo e non poderá dar as costas tan facilmente despois de escoitarnos. Xa recibimos a noticia de que a semana que vén recibiranos o ministro de Desenvolvemento Social e a ministra de Mujeres Xénero e Diversidade, o cal é unha enorme noticia porque poderemos expor as nosas problemáticas en primeira persoa.

Para rematar, quería preguntarche un pouco da vosa situación durante a pandemia. Que resultado tivo ese fondo de emerxencia? Houbo moito apoio? Como o valorades o resultado? Recibistes algún tipo de axuda por parte do Estado?

casa vermella
Traballadoras sexuais na casa vermella.

Sobre o fondo, xa o activamos nin ben soubemos que se ía a facer esta corentena obrigatoria; as nosas compañeiras xa empezaron a preguntarnos antes de que o noso goberno decretase o que iamos pasar e xusto estabamos nun plenario con compañeiras de todas as provincias e decidimos meter o punto da corentena e o coronavirus para falalo. Entre todas tivemos unha resposta bastante rápida co fondo e unha chea de xente solidarizouse e foi doando mes a mes para que nós puidésemos chegar a máis compañeiras, porque empezaramos con ao redor de 400 e agora somos 5000 só en 12 provincias. Tamén sacamos camisetas da organización cos eslóganes “puta feminista” e “feminismo antiyuta” (antipolicía), que tamén permitiu activar algo máis o fondo. Sabemos que todas as persoas que están a doar tamén están a pasar polas súas crises laborais neste contexto, o fondo tivo altibaixos pero as camisetas reactivárono, o cal axudou a compañeiras que necesitaban bolsones de mercadería, medicamentos, produtos de hixiene, que están a ter problemas con aloxamentos… Respecto ao Estado, tivemos articulación co Ministerio de Mulleres de Provincia de Buenos Aires que nos permitiu cubrir a todas as compañeiras que están na zona sur da capital. Aquí, en Capital Federal, puidemos empezar a tramitarlles unha tarxeta alimentaria que lles posibilita ir ao super a comprarse o que consideren e doutra banda están tamén os trámites de subsidio habitacional para unha chea de compañeiras, sobre todo o colectivo travesti e trans, que son as que máis prexudicadas porque a maioría delas viven en hoteis malísimos pero que son os únicos espazos que, sen recibo de soldo, sendo mulleres bravas, migrantes, negras… son os lugares aos que pode acceder sen papeis. Estes lugares moitas veces terminan cobrándolles de 800 a 1000 pesos por día, que é unha fortuna no mes a mes… Entón estamos a tramitar esas cousas para que elas poidan tamén arranxarse con iso. Tamén puxemos en marcha a Casa Vermella, un local que temos en plena zona vermella (onde se exerce prostitución) no barrio Constitución, en Capital Federal, e aí puidemos comezar a brindar asesoría legal, facer trámites migratorios e poñer os documentos de moitas compañeiras ao día para que poidan acceder a subsidios, puidemos anotalas ao bono dos 10000 pesos… Todo isto serviu de apoio para afrontar a crise económica destes meses.

Días despois desta entrevista, Georgina Orellano, secretaria xeral de AMMAR, reuniuse co ministro de Desenvolvemento Social e a ministra de Mulleres, Xénero e Diversidade para pedir explicacións sobre a discriminación cara ás traballadoras sexuais pola súa exclusión do rexistro e articular propostas para ir resolvendo problemáticas urxentes de traballadoras sexuais de todas as provincias. A valoración desde AMMAR do devandito encontro foi positiva e estableceuse que haberá unha mesa de traballo para mellorar a situación das traballadoras sexuais e daquelas persoas que non queiran seguir exercendo, buscando políticas reais e traballos que garantan a súa subsistencia.

Para estar ao corrente desta situación podedes seguir a AMMAR en Facebook, Instagram ou en ammar.org.ar.

Sempre coas putas, nunca coa  yuta.

Leave a comment