Finaliza a instrución do xuízo polos feitos relativos ao desaloxo do Centro Social Okupado A Insumisa con sete imputados por delitos de “desordes públicos”, “atentado”, “lesións” e “danos agravados”. Finalmente caen do proceso os cargos de “sedición” que pesaban sobre varios dos procesados. Con todo, a pesar das reiteradas peticións da defensa, non se conseguiu separar en dúas causas diferenciadas os feitos sucedidos durante o desaloxo dos danos sufridos polo local de Marea Atlántica tres días máis tarde. Finalmente ambos sucesos, a pesar de ser evidentemente distintos, compartirán un mesmo xuízo, asimilando o xulgado a tese de que todo sería unha mesma trama criminal.
Os feitos remóntanse ao 23 de maio do 2018, cando o goberno “do cambio” da Coruña (daquela no concello) ordenou o desaloxo do C.S.O. A Insumisa, situado en terreos municipais. A pesar de faltar un día para o vencemento do prazo legal para desaloxar o inmoble, a policía local asaltou a okupa aproveitando un momento no que ninguén se atopaba no interior. A contestación cidadá non se fixo esperar, axiña un nutrido grupo de activistas concentrouse ás portas do edificio. Aproveitando o escaso número de axentes que protexían a entrada, xs manifestantes trataron de acceder os terreos da okupa. A desproporcionada resposta dos policías, que cargaron con porras extensibles e gases lacrimóxenos, provocou múltiples lesión: unha persoa precisou 12 puntos de sutura e outra tres, outro pasou a noite en observación hospitalaria e moitxs sufrirón feridas e contusións.
Por mor da desproporción da carga, un manifestante respostou co pau a súa bandeira contra un policía. As dilixencias xudiciais non recollen consecuencias médicas nin baixa laboral por este feito, pero aida así o responsable ingresou en prisión preventiva durante unha semana e enfronta agora cargos por “desordes públicos, atentado e lesións”. Finalmente retiaron a absolutamente absurda imputación por “sedición” que nun principio pretendían achacarlle e que ocasionou a súa breve estancia no cárcere.
A desproporción da carga policial contra manifestantes coas mans en alto non é unha cuestión especulativa, pódese apreciar á perfección nos múltiples vídeos do suceso que circulan polas redes. Con todo o auto xudicial desvirtúa completamente os feitos para presentalos de forma inversa, como a tímida defensa policial perante a violencia dos okupas.
Pola tarde, xa cos antidisturbios defendendo o espazo, producíronse novas cargas que o xulgado volve atribuír ao lanzamento de obxectos, pero que outra vez son desmentidas por multitude de documentos audiovisuais, coma este de Galiza Contrainfo:
Unha persoa que se apartou do continxente de manifestantes para mexar foi detida por varios policías e posteriormente apaleada no chan. Ademais da malleira, levou para casa varias denuncias falsas por inexistentes agresións a madeiros (esta vez acompañadas por partes de lesións e fraudulentas baixas laborais). Agora enfronta unha dificil situación que podería levalo o cárcere. As súas denuncias por maltrato policial, como non podía ser doutro xeito, foron inmediatamente desestimadas.
Por mor destes sucesos dúas persoas quedan agora imputadas por “desordes públicos, atentado e lesións” e outras tres por “desordes públicos e atentado”. Bonito saldo para un desaloxo ilegal no que os manifestantes recibiron unha auténtica malleira.
Tres días máis tarde, na madrugada do 26 de maio, data da manifestación de repulsa contra o desaloxo, a sede de “Marea Atlántica” amencía esnaquizada por unha decena de encapuchados, que rebentaron as súas vidreiras e a persiana metálica a pedradas e mazazos. Por mor destes feitos outras dúas persoas fican agora imputadas por danos agravados, o que pode carrexar penas de ata tres anos de cárcere.
Contra a finalización da instrución do proceso, acordada agora polo xulgado de instrución Nº6, as defensas presentaron un novo recurso do que aínda non temos noticias.
Seguiremos informando.
[…] Outra máis das consecuencias represivas derivadas do desaloxo da Insumisa, que hai que sumar ao xuízo contra os manifestantes e polos destrozos do local de Marea Atlántica e ás numerosas e cuantiosas multas (desde por facer pintadas ata por tocar o claxon en apoio axs […]
[…] foi o caso da Marea Atlántica que, pra lavar a súa imaxe tras o desaloxo da Insumisa que deixou a varias compañeiras imputadas, deu permiso durante uns meses (de agosto a decembro) pra realizar múltiples eventos. Estes foron […]