Morre Lucio Urtubia, albanel e anarquista

Nado en Cascante, Navarra, en 1931 e falecido o 18 de xullo en París, a vida de Lucio foi toda unha aventura. De familia pobre, xa de neno viuse empurrado a facer contrabando de café e froitas cos seus irmáns na fronteira hispano-francesa por supervivencia. Un pouco máis maior traballou de albanel, que é como se definiría toda a vida, ademáis de anarquista. Máis adiante, na mili, seguiu co contrabando mais descubrírono ó baleirar un almacén e desertou a Francia. Unha vez alí, compañeiros de loita pedíronlle que refuxiase a Quico Sabaté, o famoso guerrilleiro anarquista. A relación entre estes dous grandes personaxes darían os seus froitos tras a detención de Quico, pois foi entón cando Lucio comezou a atracar bancos a man armada pra financiar distintas organizacións de loita política, xente sen recursos, protestas… El sempre asegurou que xamáis quedouse cun duro. Tamén aseguraba que se orinaba do medo cada vez que atracaba un banco, por medo de ferir a alguén (cousa que non chegou a pasar), polo que decidiu buscar outra maneira de expropiar aos bancos. Foi entón cando comezou a súa etapa máis coñecida: a de falsificador. Manténdose sempre consecuente coas súas ideas, seguiu destinando os recursos pra xente en loita, non só anarquistas, todo hai que dicilo, pois se ben simpatizaba con organizacións como o Movemento Ibérico de Liberación ou os Grupos e Acción Revolucionaria Internacionalista, tamén financiou aos tupamaros e os montoneros entre outros. Na segunda metado dos 70 chegou a falsificar cheques do First National City Bank, o maior banco do mundo, por un valor total de vinte millóns de dólares. Por isto foi condeado a 6 meses de cárcel, pero non chegou a pisala, pois Lucio non estaba só e os cheques seguían cobrándose e o banco perdendo cartos. Ante isto, Lucio chegou a un acordo co banco e recibiu, disque, uns 40 millóns de francos da época a cambio do resto dos cheques falsos e as ferramentas pra falsificalos (aínda que non entregou todas, por se acaso).

As últimas décadas pasounas na súa casa no barrio de Bellevile, en París. No 97 fixo do seu domicilio un centro cultural, o Espazo Louise Michel, que sempre tiña a porta aberta para aquelas persoas interesadas na cultura e as ideas libertarias e onde se fan debates, proxeccións, exposicións… Solidario e humilde ata o final, foise unha gran persoa que, de seguro, seguirá inspirando as xeracións vindeiras.

Quedan moitas anécdotas dignas de relatar (cando lle propuxo ao Che falsificar o dólar pra desetabilizar a economía de Estados Unidos, cando roubou unha porta blindada con axuda de dous policías…), así que pra quen interese, hai un documental, un cómic, dous libros autobriográficos e varias entrevistas, tanto en vídeo como escritas.

Ata sempre, Lucio.

Leave a comment