Multas de 900 euros por pegar cartazes anarquistas en día de reflexión (A Coruña)

Tres persoas sorprendidas pegando cartazes anti-electorais durante a noite de reflexión acordan unha conformidade de 900 euros para cada unha. A fiscalía pedía multas por valor de 3.300 por cabeza.
Os feitos remóntanse ás eleccións municipais do 26 de maio do 2019, cando, na madrugada do día electoral, varios vehículos da policía municipal e outro máis da policía secreta interceptaron un coche no que se desprazaban tres persoas que andaban de pegada. Foron identificados e incautáronselles numerosos cartazes de temática anarquista, antielectoral e rexeitando o recente desaloxo do C. S.O. A Isumisa, perpetrado polo goberno municipal saínte de Marea Atlántica.
Imputóuselles un delito penal contra a democracia, penado con ata un ano de cárcere ou ata 24 meses de multa. Finalmente a petición fiscal foi de 3.300 euros para cada un e as defensas acordaron rebaixar as multas a 900.
Outra máis das consecuencias represivas derivadas do desaloxo da Insumisa, que hai que sumar ao xuízo contra os manifestantes e polos destrozos do local de Marea Atlántica e ás numerosas e cuantiosas multas (desde por facer pintadas ata por tocar o claxon en apoio axs manifestantes).
E é que o goberno supostamente “do cambio” de Marea Atlántica, a confluencia coruñesa, resultou absolutamente inepto e inoperante. A pesar de que o seu programa incluía a promesa de non prexudicar nunca aos movementos sociais, finalmente perpetrou o desaloxo máis sucio, violento e represivo que lembra a cidade herculina. Con principios tan sólidos non é de estrañar que perdesen a alcaldía pouco despois e que agora desaparezan do parlamento galego.
Xa o proclamaron en mil pintadas as paredes coruñesas: “A Insu será a tumba da Marea”. E así foi.

Leave a comment