Monarquía: o as na manga

Digan o que digan os apoloxetas do constitucionalismo e os ensalzadores da nosa democracia, a monarquía foi un “trágala”. Si, metéronnola dobrada, encasquetárona con calzador. E xa sei que a constitución enteira entrou un pouco pola retaguardía: que é evidente que se che fan votar no medio dunha ditadura entre unha constitución democrática ou seguir igual, pois a cousa está máis ou menos cantada. É coma se che fan elixir entre a morte ou que te metan un pau polo cu, pois eu teño ben claro que quedo co pau… pero iso non significa que me guste. Pois un pouco así foi a nosa constitución. Pero é que no tema concreto da monarquía a cousa aínda vai máis aló. O propio Adolfo  Suarez, o primeiro presidente “democrático”, chegou a recoñecer nunha entrevista (cando pensaba que non o estaban a grabar) que en 1977 sabía, por enquisas, que a monarquía perdería un referendo perante a república. Foi por iso que, a pesares de que a maioría das potencias estranxeiras avogaban por ese referendo, o propio  Suarez empeñouse en blindar a monarquía dentro da constitución, ligándoas indisolublemente nunha mesma votación; de tal xeito que a xente non lle quedou outra que comela con patacas ou rexeitar por completo o marco democrático.

Con todo, a cousa foilles ben. Unha vez incrustada a monarquía na carta magna da flamante nova democracia (que, dito sexa de paso, mantivo o status quo socioeconómico exactamente como estaba en ditadura: co poder económico, executivo e xudicial copado polo fascismo) o proceso de branqueamento saíulles a pedir de boca. O golpe de estado de 1981, e o discurso en contra do monarca, serviu para apontoar a coroa. Malia que moitos suxiren que todo foi orquestrado e manipulado desde a contorna da casa real, da man do xeneral Armada, a monarquía conseguiu o seu obxectivo. O certo é que desde ese intre a súa popularidade aumentou, e non poucos antigos republicanos comezaron a, canto menos, tolerar de bo grado a coroa española.

Daquela foi cando se empezou a fraguar a lenda do rei “campechano” e “bonachón”, comprometido coa democracia e a modernidade. Algo que, visto desde os ollos de hoxe, fai escachar coa risa; sabendo como sabemos das cazas de elefantes, os hábitos puteiros, a corrupción rampante e as comisións  fraudulentas. Pero por aquel entón a aquiescencia dos grupos empresariais que controlaban a prensa do reino borbónico impediu ao pobo coñecer a verdade. O que o resto do mundo sabía, aquí era censurado polos noticieiros tanto de esquerda como de dereita. Enxalzaban e edulcoraban a figura real, pois o suculento pastel da democracia española daba de comer xenerosamente a ambos extremos ideolóxicos do empresariado mediático.

Afortunadamente agora a cousa xa non está tan clara. O desmedido gusto polo diñeiro ilícito da coroa rematou por filtrarse ata a opinión pública. Os escándalos financeiros da familia real obrigaron á monarquía a adoptar unha postura defensiva en continua retirada: primeiro apartando aos duques de palma, polo caso Noos; e máis tarde provocando a abrupta abdicación de Juan Carlos I en favor do seu fillo, Felipe IV. Unha repentina sucesión que esconde o enroque da monarquía. Tomando distancia cos escándalos financeiros que xa daquela despuntaban, e non tardarían en arreciar sobre a cabeza defenestrada do vello monarca.

A estas alturas da película a monarquía xa é unha institución caduca. A pesar de que os sectores máis conservadores aínda tentan defendela e enxalzala, o certo é que hai tempo que se atopa amortizada para o poder. A absurda avaricia dunha familia que o tiña todo, que non pagaba nada, e que aínda así decidiu tirar o seu bo nome pola borda por puro afán de cobiza, volveuse un lastre para os resortes do capitalismo ibérico. O seu papel estase esgotando. O evidente anacronismo da institución real resalta moito máis ensombrecida pola corrupción galopante que a apodrece.

Pero a coroa aínda pode xogar un papel importante, aínda pode brindar un último servizo ao sistema de dominación. Rara vez ao pobo se lle conceden vitorias sen ter antes que pelexalas. E esa é precisamente a última baza que a monarquía pode brindarlles a quenes  detentan o poder. Polo de agora todo seguirá igual, macerando o descontento. Pero cando xs cidadáns estean cheos de recortes sociais; cando a crise esgote a paciencia dxs traballadorxs e todxs salgamos á rúa fartos de inxustiza e precariedade; cando xa non soportemos máis a explotación e a represión e nos rebelemos contra este mundo caduco. Entón será cando nos entreguen a coroa para tranquilizarnos. Pero non antes. Agasallarannos co fin da monarquía como bálsamo para que nos tranquilicemos durante a próxima crise, cando nos rebotemos, para aplacala revolta. Cando ameacemos a continuidade do sistema, poderán ofrecernos ese cambio para que todo siga igual. Á fin e ao cabo a gran maioría dos países do mundo son repúblicas e iso non impide a explotación e o libre fluxo de capitais. O último as na manga da monarquía é que a súa caída axudará a soster o sistema que sustentou. Contentará xs rebeldes facéndolles crer, doutra volta, que gañaron unha batalla que en realidade volveron perder. A monarquía será o próximo extintor co que apágalo lume da seguinte protesta. Acougados os ánimos e voltas as augas ao seu leito, o capitalismo continuará republicano. E todo poderá seguir igual.

Leave a comment