Secuestrador ucraíno forza ao presidente a recomendar un documental animalista

Onte, 21 de xullo, foi detido na cidade ucraína de Lutsk un home que secuestrara un autobús con máis dunha ducia de persoas no seu interior.  Provisto de armas longas e explosivos, Maxim Krivosh retivo durante varias horas aos reféns no interior do vehículo. Tras longas negociacións nas que pedía que os membros do parlamento, a igrexa e a xudicatura do país publicasen un documento no que se declarasen a si mesmos como “terroristas legais”, finalmente accedeu a liberar aos secuestrados a cambio de que o presidente do país,  Volodymyr  Zelensky, recomendase publicamente o documental animalista “Earthlings”. Unha vez conseguido este último obxectivo, Maxim liberou aos reféns.

Ao parecer o secuestrador presentouse a si mesmo como Maxim Plojoi (Maxim o malo) e reivindicou previamente a súa acción en twitter cun vídeo no que asegurou que “O estado é o primeiro terrorista” e “Feliz Día Antisistema. Non se enganen. Celebren a verdade”.

Esta é a versión publicada pola prensa comercial, e da que nós, a falta de mellores informacións, facémonos eco. Como non podía ser doutro xeito os medios definen a Maxim como un perturbado e algúns mesmo o vinculan co anarquismo. É pronto para sacar conclusións, pois aínda non temos información máis aló da oficialidade informativa, pero polo pronto xa conseguiu unha incrible publicidade do documental “Earthlings”, contrario á explotación dos animais. E o feito de pedirlles aos poderes fácticos que se definan a sí mesmos como “terroristas legais” pode ser unha cousa un tanto extravagante, pero non deixa de ser unha verdade coma un templo.

Parece ser que Maxim Plojoi cumpriu unha longa condena de prisión por posesión de armas, fraude, pertenza a banda criminal e extorsión. Tamén se lle atribúe a escritura dun libro: “filosofía do criminal”.

Outra persoa máis foi detida como complice; mentres que a policía de  Kiev desactivou dous explosivos caseiros na capital ucraína, feito do que se estaría investigando unha posible relación co secuestro.

Repetimos que toda a información provén da prensa comercial (como, por exemplo, está noticia de Europa Press), polo que esperamos coñecer mellor os feitos e motivacións deste suceso no futuro. Polo pronto pode ser unha boa escusa para disfrutar do “día antisistema” vendo documentais animalistas:)

Leave a comment