En memoria de Xosé Portela

A modo de  obituario, queriamos facernos eco desde aquí dalgunhas das distintas homenaxes que se lle renderon ao compañeiro Xosé Portela, incombustible loitador social radicado na Coruña e falecido o pasado 4 de Xulio.

Para todx aquelx que se moveu nos ambientes contestatarios coruñeses nos últimos tempos a súa desaparición non puido pasar desapercibida. Asiduo de manifestacións e convocatorias sociais, colaborador en múltiples asembleas e proxectos, habitual debuxante de moitos dos cartazes que chamaron á protesta nas rúas herculinas. Xosé perfilouse sempre como un loitador incansable e incombustible. Ultimamente a súa militancia repartíase entre o Centro Social A Comuna, Acción Antifascista e o sindicalismo combativo desde as filas da C.U T. Pero ao longo do tempo prodigouse por outros mil colectivos; desde os seus inicios, alá polos primeiros setenta, no M.C. e máis tarde as Comisións Obreiras, ata a súa moi activa (e moito máis recente) participación no 15M de Monte Alto e nos tempos dourados de Stop Desafiuzamentos Coruña ou Elviña Non se Vende.

Nos últimos anos, antes de que a enfermidade o levara, tiña unha especial militancia en Acción Antifascista Coruña. Motivo polo cal xs suxs compañeirxs dedicáronlle esta sentida homenaxe en forma de bengalas acesas e pancartas nas pontes da cidade:

Pintada aparecida en Hamburgo

https://es-es.facebook.com/AccionAntifascistaCorunha/videos/623356181652363/

 

Texto homenaxe publicado polxs suxs compañeirxs do C.S. A Comuna:

A morte do noso compañeiro Xosé Portela enmudeceunos. Aínda sabendo dende había semanas da súa situación e do rápido avance da enfermidade, resulta difícil aceptalo. Como facernos á idea de que xa non está? É como se marchase unha parte de nós. Pode soar ridículo, pero a súa morte nos resulta inxusta.

Xosé amosou sempre con feitos, máis que con palabras, a necesidade do compromiso día a día na procura dun mundo máis xusto. De pouco valía aparecer o día sinalado se non se ía construíndo paseniño en cada xesto, en cada asemblea, en cada acción, en cada cartel que deseñaba ou cada pancarta que pintaba… El sempre estaba aí, daba igual que fora nun piquete que repartindo panfletos, disfrazado nun entroido reivindicativo, poñendo o corpo ante a policía ou pintando paredes na Comuna. Sempre xeneroso, sempre solidario, coa consigna da unidade de loitas como base para avanzar na construción da utopía.

Era unha desas persoas imprescindibles. Cando falaba podía ser sereno e contundente a un tempo, pero tamén escoitaba e non empregaba a súa longa experiencia para poñerse por riba do resto.

Un día dixo “Non entendo a esa xente que vive a súa vida como quen non quere a cousa, que lle vale todo… e logo a vida pasa e non queda nada”. Xosé non pasará ós libros de Historia, esa que escriben os poderosos, pero quedará imborrable na Cara B que compón a memoria dxs disidentes, dxs que non se conforman, de todxs nós. E agora correspóndenos a nós seguir abrindo camiño, homenaxeando a Xosé da mellor forma posible: continuando a loita!

“Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto,
mais o lume o que alampea,
mais o lume que alampea
xamais o veredes morto.”

Ata onde nós sabemos non serán as únicas homenaxes a este loitador incansable

Leave a comment