Juan Carlos I “O campechano” fuxiu do reino

O rei emérito márchase a vivir a unha república. Acosado polos escándalos de corrupción e polas investigacións xudiciais internacionais, o que fora rei de España dende a súa designación polo ditador Franco (e ratificado por unha constitución que furtou o referendum concreto sobre monarquía ou república a sabendas de que gañaría esta última) abandona o país que rexíu durante mais de 40 anos. Pon así terra de por medio cas investigacións da fiscalía suíza e española polas comisións ilegais que cobrou da monarquía saudita pola xestión do AVE á Meca. Case 100 millóns de euros, dos que entregaría 65 a súa examante Corinna Larsen.

Para o común dos mortais unha investigación xudicial implicaría a prohibición de saír do país; semella que para un rei sucede o contrario. Cando un é monarca o mais normal do mundo é marcharse a un país extracomunitario (república Dominicana) mentres investigan as túas turbias finanzas, afastando a túa fortuna e a túa real persoa das tribulacións xudiciais. Problemas mundanos, cousas da plebe. E aínda por riba gran parte da prensa e da clase política deste país de pandeireta eloxia a decisión como un exercicio de responsabilidade cara á institución da coroa. Vamos, como dicir que o Dioni marchou a Brasil para salvar o bo nome dos condutores de furgóns blindados, ou que Roldán abandonou España forrado de cartos para brindar un último servizo de dignidade ao seu partido e á democracia.

Por suposto que Juan Carlos I fixo saber a súa total disposición perante da fiscalía e a xustiza; pero polo pronto faise público o seu comunicado e a súa intención de marcharse despois de abandonar o país e con varios miles de quilómetros de océano de distancia… non vaia a ser.

Onde están agora todos aqueles que dicían ser contrarios á monarquía pero que a toleraban porque eran “Juancarlistas”? Onde están os que, dende a esquerda, falaban do servizo prestado polo Borbón ao país e á democracia? Veña, valentes, entoade agora os vosos himnos á campechanidade do monarca. Pois semella que perdeu o seu orgullo patrio: agora é un campechano dominicano.

A monarquía fai augas por todos lados, e cada día sostéñense peor os parches que pretenden reparala. Non en balde a prensa británica xa destapou que o actual rei, Felipe IV, era tamén beneficiario dos tinglados financeiros que ocultaban o diñeiro das comisións do seu pai. Rápido renunciou a esa herdanza envelenada. Agora incluso manda o seu pai o exilio.

Canto tempo conseguirán manter a flote tan caduca e anacrónica institución? Como xa dixemos noutros artigos iso dependerá de nós. Pero non esquezamos que o sistema de dominación hai tempo que non necesita de monarquías para sobrevivir. Pode que a palabra república sone máis moderna, máis con rei ou sen el seguiremos igual de oprimidos e explotados. Pero sempre é liberador e desestresante o sano exercicio da guillotina, ainda que so sexa política.

One comment on “Juan Carlos I “O campechano” fuxiu do reino

Leave a comment