O sindicato de VOX

Xa o prometera Abascal no seu mitin da Coruña, diante duns poucos simpatizantes enfervorecidos e moitos detractores  encolerizados, e agora cumpriuno: os fachas xa teñen “sindicato”.

O seu futuro é incerto, pois parece difícil conciliar ó partido que defende as políticas máis liberais do congreso coa loita polos dereitos da clase traballadora. Soa estraño que un partido dirixido por unha cuadrilla de aristócratas, “señoritos” e fillos de empresarios millonarios decida agora lanzarse en defensa dos dereitos dos obreiros. Sobre todo tendo en conta que o máis preto que as súas endomingadas señorías estiveron nunca da clase traballadora foi cando lles alicataron o yacusi do baño. Non é casualidade que a sede do novo sindicato filofascista atópese no selectísimo e mega-caro barrio madrileño de Salamanca, as antípodas absolutas dun distrito obreiro.

É evidente que ao señor Abascal e ós seus secuaces impórtanlles ben pouco as condicións laborais dos traballadores deste país. O seu partido defendeu sen complexos a limitación do dereito de folga (tentando prohibirlles ós piquetes actuar fóra dos centros laborais) ou a invalidación dos convenios colectivos (ao propoñer a posibilidade de descolgarse individualmente dos mesmos, converténdoos en papel mollado e permitindo ao empresariado desentenderse da negociación colectiva).  Con todo, a formación de extrema dereita sabe ben o que se fai con esta aparentemente estraña xogada.

O descrédito rampante das centrais sindicais tradicionais hai tempo que é un feito constatado. Poucos traballadores a día de hoxe poden consideralas como algo máis que a burocracia obreira: os xestores da negociación laboral. O que empezou como unha ferramenta efectiva da clase traballadora para loitar, xa non só polos seus dereitos senón pola transformación mesma da sociedade, converteuse lentamente noutro apéndice do sistema de dominación. Os Pactos da Moncloa, durante a mal chamada transición, selaron con diñeiro, cotas e subvencións a submisión do sindicalismo ao armazón do estado. Hoxe en día nútrense a base de liberados parasitos que utilizan en beneficio propio as súas horas sindicais, máis preocupados dos seus intereses persoais que da problemática da clase traballadora. As súas cúpulas repártense millonarias subvencións e chanchullos formativos a cambio de vender folgas e pacificar o eido laboral. Son, en definitiva, outro tentáculo do poder.

Abascal sábeo e pretende utilizalo. Decátase de que coa crise veñen tempos de conflitividade obreira. Percibe que o pobo fartouse das burocracias sindicais e lánzase a encher o buraco. É por iso que entre as primeiras promesas da súa aberración “obrerista” está a de nutrirse exclusivamente das cotas dos seus socios. Evidentemente isto é unha mentira coma un piano: os estatutos do seu novo enxendro sindical deixan ben claro que poderán chupar subvencións, doazóns e calquera outro medio de espremer a teta pública. O caso é explotar o descontento cidadán, non cumprir valeiras promesas. As palabras, ao final, lévaas o vento. Tamén prometeu que o seu sindicato sería independente, algo que casa moi mal co feito de estar promovido e xestionado única e exclusivamente polo seu propio partido. Á fin e ao cabo prometer é gratis…

Pero unha cousa é criticar aos sindicatos, sinalando as súas carencias, e outra moi distinta substituílos. E máis tendo en conta que desde as bancadas do congreso sempre se situaron na defensa acérrima e cerril dos intereses da banca, das grandes empresas e do libre fluxo de capitais. Vai ser moi difícil que ningún traballador con xuízo confíe por moito tempo a defensa dos seus dereitos laborais a unha xente tan claramente proclive aos intereses da patronal. Por moi parvo que sexas, pronto aprenderás que dificilmente o lobo velará polo benestar dos cordeiros. Quizá poidan aplicarse como sindicato dentro das administracións públicas (sempre que non sexan eles os que as dirixan) e ter certo peso entre os corpos represivos. Como sindicato de ultradereita saben onde atopar afinidades. E é por iso que xa se coñecen certos movementos para atraerse a sindicalistas da seguridade privada, outro dos caladoiros habituais do facherio ibérico. Quizá entre algúns sectores do panorama autónomo agrario poidan espertar algunha simpatía. Pero vai ser moi pouco probable que atopen oco no seo da clase obreira.

Evidentemente todo isto sábeno en VOX. Pero non deixa de ser outra fronte máis na súa loita pola axitación neo-fascista. Unha fronte aberta nun momento estupendamente ben calculado: xusto antes dunha inminente recesión e a previsible axitación social que traerá aparellada.

O fascismo clásico sempre acariciou a idea de atraerse á clase obreira. Pretendían superar a loita de clases nun “totum revolutum” de obreiros e patróns. O sindicato vertical foi a forma na que Francisco Franco pervertíu aquela vella idea falanxista en beneficio da súa causa. Pero moi probablemente entre os referentes históricos de Abascal atoparanse tamén os Sindicatos Libres das primeiras décadas do século pasado. A pesar de que estes si que xurdiran con verdadeiras reivindicacións obreiras entre traballadores carlistas e cristiáns, pronto se converterían en eficaces ferramentas do estado e da patronal. Transformados en pistoleiros a soldo de burgueses e policías, enfrontaron coas armas ao combativo anarcosindicalismo da CNT. Protexidos polas forzas da orde e pola influencia da patronal diezmaron a balazos as filas confederais, asasinando a dirixentes obreiros e rebentando as súas folgas.

Evidentemente xa non estamos en tempos de pistoleiros. Cos sindicatos que padecemos xa nin sequera estamos en tempos de folgas e protestas. Pero á extrema dereita séguelle convindo meter o pe no campo do traballo. Aínda que só sexa para dotarse dunha fachada popular coa que lavarse a cara e enfrontar un posible rexurdimento da combatividade social antifascista.

O nome concreto co que bautizaron semellante abominación frankesteiniana é o de “Sindicato para la Defensa de la Solidaridad con los Trabajadores de España” (SPDSTE). Pero pretenden darse a coñecer simplemente coma “Solidaridad”. O mesmo nome que o sindicato de Lech  Wałęsa, que conseguiu derrubar na década dos oitenta o goberno comunista de Polonia. Os paralelismos que pretenden trazar semellan máis que evidentes. Sobre todo tendo en conta as súas intencións declaradas de enfrontar o marxismo. Polo pronto, con ese nome, xa conseguiron espeluznar ao sindicato anarquista “Solidaridad Obrera”, que ata se plantexa denuncialos nos tribunais pola molesta similitude de denominacións.

E nesas estamos. Asistindo perplexos aos fogos artificiais da extrema dereita. Negando a loita de clases a golpe de sindicato; vamos, o que se di rizando o rizo. Pero non parecen estar a desaproveitar o momento os amigos dos trapos rojigualdas e os brazos cara ao ceo. Semella que eles teñen claro de onde sopra o vento. Témolo claro tamén no noso lado da barricada? O triste é que non sabería que respostar.

Leave a comment