Multa de 900 euros por participar nunha manifestación antifascista (A Coruña)

A manifestación ocorreu no 2017, na época do órdago independentista en Cataluña. Por aqueles tempos o Foro LC, un grupo ultradereitista coruñés próximo a VOX, convocou unha protesta pola “defensa e unidade de España”. Como non podía ser doutro xeito, Acción Antifascista Coruña realizou un chamamento de contra-convocatoria pola “liberdade de expresión e a autodeterminación dos pobos”. Unha vez alí, un nutrido cordón de antidisturbios separaba ambas protestas. Os uniformados encarábanse fronte aos antifascistas, a pesar de que estes non se movían da súa pancarta, mentres que os fachas (moitos de idade avanzada) coábanse entre os madeiros para insultar e provocar aos esquerdistas. Ambas concentracións disolvéronse sen máis consecuencias que o cruzamento de insultos desde a distancia, e a cousa rematou sen maiores problemas.

Con todo, aos poucos meses chegaron sancións administrativas contra tres manifestantes antifascistas: dous contra uns mozos que foron identificados durante a protesta e outra máis sen ningunha clase de identificación, só por ser un activista asiduo coñecido pola policía. As dúas primeiras pagáronse no momento, acolléndose á redución de pronto pago, fronte á outra (a que non se fundamentaba en identificación presencial) presentouse recurso. Non houbo resposta algunha durante máis de dous anos ata que a agora, a finais de febreiro deste ano, a subdelegación resolve o recurso e, ao non poder notificalo en persoa durante o confinamento, publícao no BOE e executa o embargo da multa (ampliada con recargo) e deixando o sancionado sen posibilidade de defensa polo vencemento de prazos.

As multas cursadas pola subdelegación do goberno corresponden a “perturbación grave da seguridade cidadá” (unha infracción grave, de aí a súa elevada contía) mentres que o atestado policial apenas se refire a “alteracións menores no desenvolvemento dunha concentración comunicada (a do Foro LC)”. Para explicar as devanditas alteracións graves a denuncia da policía expón que os antifascistas proferiron insultos contra os manifestantes de signo oposto (obviando descaradamente os numerosos insultos recibidos desde a outra banda) entre eles citan “sodes uns fascistas fillos de puta”, “puta España” (ata aquí máis ou menos poderiamos consideralos como tales) pero tamén inclúen “independencia” e “fora fascistas dos nosos barrios”. Quizá aos mozos da subdelegación do goberno e aos seus lacaios das forzas da orde a palabra independencia provóquelles urticaria, pero moi dificilmente podese considerar coma un insulto. E se non que lles pregunten aos seus colegas da RAE, nada sospeitosos de radicais nin antisistema.

Xa é difícil considerar unha alteración grave da orde pública o intercambio de insultos (porque entón como sería unha alteración leve: mirarlles mal?). Pero é que ademais a ningún dos sancionados impútanlles a realización de ningún acto nin insulto concreto, simplemente acúsaselles de participar nunha protesta na que alguén proferiu insultos.

Evidentemente nada novo baixo o sol, a deriva represiva e totalitaria do estado español tennos afeitos a cousas moito peores. Simplemente é outro atropelo máis, unha nova vinganza contra a disidencia. Unha nova mostra de que neste país a liberdade de expresión brilla pola súa ausencia.

Por mor destas sancións, e doutras moitas que seguro chegarán, Acción Antifascista A Coruña colocará huchas solidarias e bonos antirepresivos cos que enfrontar os envites totalitarios do estado. Veñen tempos duros e máis nos vale que nos collan preparados.

Así que xa sabedes: contra a represión, solidariedade e acción!!

Leave a comment