Denuncian á empresa ‘Mi casa no es la tuya’ por presuntas coaccións na vivenda ocupada de Yañez Rebolo

“Levamos case dous anos vivindo aquí e nunca nos chegou unha orde xudicial”. Inquilinas e colectivos denuncian que se trata dun “desaloxo ilegal”.

“Sobre as 9 da mañá recibín unha chamada da miña parella, dicíndome que varios homes corpulentos estaban golpeando á porta, sen identificarse e proferindo ameazas”, declara un dos inquilinos do inmoble de Yañéz Rebolo, que en ningún momento, asegura, recibiu ningún tipo de aviso xudicial para abandonalo.

Trátase dun inmoble de dúas plantas e un andar superior situado na rúa do barrio lugués deteriorado polo abandono de moitos edificios. O segundo piso e o andar de arriba ocupados levaban anos abandonadas. Na segunda planta alóxase unha familia co seu fillo e a súa nora. Tanto o proxenitor como a súa muller teñen recoñecida unha discapacidade. Por outra banda, no andar de arriba, vivían actualmente tres persoas. Todas as persoas inquilinas afrontan unha situación de vulnerabilidade económica.

“Arriba vivimos dende setembro do ano pasado. Actualmente estabamos tres persoas, pero antes eramos catro”. Esa cuarta persoa é quen segundo o inquilino Marcos tiña o suposto contrato do alugamento, pero “marchou hai tres meses e nin somos conscientes de se esta persoa estaba ou non ao corrente do pago”, cóntanos. Marcos denuncia que nunca se lle comunicou que existise ningunha falta de pagamento e que nin el nin a súa parella foron informadas por parte de ningún organismo, nin por parte dos propietarios, “foi todo de súpeto”. Ambos reclaman axuda aos organismos públicos e lamentan que nin tan sequera puideron subir a polas súas pertenzas xa que foron depositadas no propio portal pola empresa, sen poder comprobar se estaba todo, xa que a empresa contratada lles negaba o paso.

O fillo da propietaria do inmoble, de dúas plantas e un andar superior, foi quen contratou a empresa “Mi casa no es la tuya”. Asegura que o fai para axilizar o procedemento tras “percatarse de que vivía xente ocupando”. Segundo fontes próximas non iniciara ningún procedemento xudicial previamente, contratando directamente a esta empresa.

A nora da familia do segundo piso ten un relato similar ás inquilinas do andar superior. Cóntanos que sobre as 8 da mañá varios homes, algúns —segundo relata o seu sogro— facéndose pasar por “policías”, golpearon a súa porta dicíndolles que tiñan que abandonar a vivenda e que se “non se ían polas boas, se irían polas malas”. Esta familia, que vivía dende máis dun ano, negouse ao non haber ningún tipo de orde xudicial e menos estando o seu sogro empadroado na vivenda, documento ó cal tivemos acceso. Ela mesma negociou con eles baixar pola medicación dos seus sogros, pero unha vez que marchou non puido volver entrar, xa que a empresa lle impediu o paso coas medicinas. A familia tamén denuncia que a empresa tentou negociar con eles ofrecéndolles primeiro 200 euros e logo 500 euros para que abandonasen a súa vivenda, ao cal se negaron, porque o que queren “é onde poder vivir, buscando un contrato de alugueiro asumible para a súa situación”.

Xa pola tarde, vivíronse momentos de tensións cando o pai da familia quixo baixar a por comida e polo que acabaría sendo trasladado en ambulancia tras caer ao ser “empurrado”, segundo a súa versión, por membros da empresa. Tamén se desprazaron á zona familiares seus, rexistrándose os momentos de maior crispación, con enfrontamentos verbais entre ambas partes, pero sen chegar á violencia física.

Dispositivo policial

Para o serán, cun amplo dispositivo policial despregado, só quedaba no inmoble a súa muller, quen foi apoiada por membros da familia, algún veciño e compoñentes de plataformas como Stop Desafiuzamentos Lugo que reclamaban “unha alternativa habitacional” e denunciaban as “formas da empresa saltándose os procedementos legais”.

Entre as veciñas existen discrepancias, onde se cruzan declaracións que van dende que non estaban ao tanto da situación ata testemuñas que indican que había “movementos sospeitosos” ao subir e baixar moita xente da vivenda en cuestión.

Finalmente, xa cara á noite, tras a chegada dunha nova patrulla policial a empresa viuse obrigada a abrir paso ao home tras acudir á comisaría acompañado do avogado. A apertura do paso respondía ás necesidades médicas da súa muller, de quen é titor legal, xa que presenta un alto grado de discapacidade intelectual.

Familiares do matrimonio e persoas que denunciaron o “desaloxo ilegal” fixeron garda pola noite fronte á vivenda, por “medo de que houbese algún tipo de agresión”, xa que a empresa seguía e segue a estas horas co “posto de control”. Marcos pasou a noite en vela fronte á súa morada, e a súa parella durmiu nunha tenda de campaña improvisada pola xente reunida.

Polo momento hai tres denuncias, dúas interpostas por parte das persoas inquilinas por supostos delitos de coacción e ameazas; e unha denuncia máis, segundo fontes informativas, por parte da empresa.

O “fenómeno da ocupación”.

Mina, membro de Stop Desafiuzamentos Lugo, denuncia unha “campaña dos medios” que está buscando poñer o foco nun problema que en realidade é anecdótico. Un recente informe policial marca só en catorce o número de inmobles “ocupados ilegalmente” en toda a cidade de Lugo. A activista da plataforma denuncia que as persoas que ocupan se ven moitas veces obrigadas pola súa situación económica, e que acaban ocupando edificios abandonados dende fai moitos anos ou propiedade dos bancos, e que a ningunha familia en realidade lle gustaría vivir baixo esas condicións. Como exemplo pon a “famosa ocupación” de “O Pazo” en A Fervedoira, un pazo abandonado dende hai moitos anos e que “nunca importou a ninguén a súa ruína, presencia de ratas ou abandono… ata que se ocupou, o cal resulta hipócrita”.

Reclama que sexan os organismos públicos quen poñan solución ao problema de acceso á vivenda e que se debe apostar pola vivenda social. Así mesmo denuncia que o número de desafiuzamentos non cesou, pese a que a axenda dos medios, que denuncia que é “puro politiqueo”, xa non informen sobre isto. “O drama de moitas familias segue latente”, remarcando que nos últimos anos houbo unha suba desproporcionada dos alugamentos, onde se centran agora os desafiuzamentos e lembrando que Lugo é a terceira cidade do Estado español con máis vivendas baleiras por habitantes, chegando a cifras do 20%.

Estes motivos non só afectan á vivenda particular, senón tamén ao pequeno comercio, onde moitos tiveron que botar o peche por non poder facer fronte ao pagamento, mentres a desocupación de locais e os carteis de “alúgase” seguen en aumento na cidade.

“Mi casa no es la tuya”, empresa con militantes de Vox

Intentamos contactar por teléfono coa empresa sen éxito. Tanto o que se presenta como xerente, Fran Ojea, coma outro dos seus promotores e responsable de comunicación, Rubén López, son militantes da formación de ultradereita de Vox, participando en numerosos actos de propaganda do partido. Na súa páxina web apenas hai información e non atopamos ningún tipo de aviso legal e tampouco fomos quen de coñecer o seu rexistro mercantil, polo que descoñecemos a situación legal da empresa de recente creación.

Leave a comment