Viva a Okupación! Fora xs mafiosxs que okupan en Palavea!

No barrio coruñés de Palavea a okupación non é un fenómeno estraño. Sen ir máis lonxe hai agora case unha década abriu as súas portas o Centro Social Okupado de Palavea, que durante tres anos desenvolveu actividades formativas, sociais, políticas e culturais na veciñanza, mantendo boa relación co barrio. Outras moitas okupas vivenda funcionaron nos arredores, sen causar excesivo malestar na contorna (máis aló dalgúns ruídos molestos, lixo e algunhas xiringas tiradas… nos peores casos). Varias persoas e familias sen recursos mesmo foron acollidas polos veciños, que lles proporcionaron mobles e ata mediaron cos propietarios das vivendas abandonadas para facilitar a súa presenza.

Pero todo isto cambiou hai pouco menos dun ano: Unha parella problemática instalouse nunha das casas abandonadas xunto aos seus fillos pequenos. Aos poucos foron colonizando o barrio, expulsando a golpes a outros okupas para alugar as súas casas a persoas da súa confianza, ou para convertelas en plantacións de marihuana. Incluso algunha xente que tiña permiso dos propietarios tivo que abandonar as súas vivendas deixando atrás mobles, pertenzas persoais e ata os seus aforros. Parece ser que mediante estas extorsións cobran 50 euros mensuais aos inquilinos e outros tantos, ao comezo, polo enganche da luz eléctrica.

A situación seguiu deteriorándose, con atracos e roubos de móbiles dalgúns nenos do barrio por parte destes macarras e outros amigos seus aloxados nas vivendas baixo o seu control. Tamén houbo pelexas con aqueles okupas que se mantiveron nas súas casas a pesar da extorsión destes suxeitos. O momento máis triste e dramático chegou coa violación dunha moza okupa por parte dun amigo desta parella de macarras. A partir dese intre comezaron as protestas e as manifestacións no barrio. O que motivou novas ameazas, persecucións e mesmo terribles malleiras a algúns dos veciños máis significados. Cando se lles buscou para pedirlles explicacións, esta parella mafiosa non dubidou en chamar á policía e protexerse usando aos seus fillos como escudo.

É evidente que desde Pécoras. Info defendemos a okupación de vivenda, tanto como saída individual como para crear Centros Sociais; algúns mesmo participamos no C. S.O. Palavea e noutras moitas okupacións da cidade e de toda galiza. Tamén somos conscientes da campaña mediática despregada pola banca e os grandes capitais co fin de desprestixiar a okupación. Saben moi ben que se aproximan tempos difíciles, que cando se esgoten os ERTEs e as axudas económicas moitos obreiros en precario non poderán pagar os alugueres das súas casas (engordados artificialmente pola “burbulla de alugueiro”). Buscan crear unha falsa alarma social, unha sensación de ameaza ante un problema inexistente que non afecta realmente as clases traballadoras. Tentan xerar artificialmente un medo cidadán que lles permita aprobar lexislacións moito máis represivas coas que enfrontar a ameaza que se lles vén enrriba. Perante a crise e o empobrecemento xeral, pretenden endurecer as leis que lles permitan asegurar as súas propiedades botando aos obreiros en paro á rúa con moita maior facilidade.

Este tipo de mafiosos e macarras facilitan esa laboura. É por iso que a policía intervén o menos posible coa intención de agravar a situación. É tamén por iso que os medios de comunicación lánzanse a informar sobre difíciles convivencias veciñais cando están protagonizadas por okupas; mentres que se os veciños problemáticos son propietarios, ou pagan alugueres de pisos de protección oficial, non lles importa unha merda a noticia, aínda que sexa unha situación moito peor. De feito foron os propios medios de comunicación os que impulsaron ás mafias a realizar este tipo de actividades extorsivas: alertando continuamente sobre o “negocio das okupacións” nos tempos nos que aínda non existía. Desta maneira os macarras e delincuentes fixáronse nunha actividade ilícita que antes non realizaban. Foi a propia prensa a que alentou, coas súas noticias falsas, a creación de “mafias okupas”.

E mentres tanto as persoas desfavorecidas que okupan a bancos e grandes capitais para ter un teito baixo o que acubillarse son os grandes prexudicados desta situación: criminalizados pola prensa, perseguidos por lexislacións cada día máis represivas e extorsionados por chulos e delincuentes atraídos pola carnaza mediática. E cando o circo político-xornalístico consiga o seu obxectivo de implementar leis anti- okupación, serán tamén os pobres os que acaben no cárcere por non ter onde ir, mentres que os delincuentes que os extorsionaron buscarán un novo chiringuito.

Por todo isto é importante denunciar tamén aos mafiosos e aproveitados sen escrúpulos que explotan aos sectores máis debilitados da clase traballadora. Porque para defender a okupación, como ferramenta transformadora e revolucionaria de cuestionamiento da acumulación capitalista, é preciso sinalar a aqueles elementos que a emporcan cos seus abusos e as súas extorsións.

OKUPAS SI, MAFIAS NON.

FORA MACARRAS DE PALAVEA!!

 

 

Leave a comment