18O: Un ano de revolta popular en Chile

Co seguinte artigo (escrito a comezos de marzo) pretendo informar de varios aspectos da revolta popular chilena iniciada o 18 de outubro a causa das políticas neoliberais aplicadas dende hai 30 anos (profundizarase máis adiante nisto), sendo a gota que colmou o vaso a subida de 30 pesos no transporte público. Dende entón, o goberno do presidente Piñera comezou a reprimir de maneira atroz ao pobo que saía á rúa a protestar (violenta ou pacíficamente), chegando a decretar toque de queda durante unha semana enteira en outubro, asasinando a deceas de persoas e secuestrando a milleiros nas prisións ata o día de hoxe.
Aínda que a revolta está presente por todo o Estado chileno (Iquique, Antofagasta, Valparaíso, Concepción, Valdivia…), este artigo centrarase na metrópole santiaguesa ó ser o lugar da miña estada durante dous meses. Hai varios temas a tratar que se entrelazan entre si, o que complica un pouco a estruturación. Por isto, decidín separar o artigo en 5 bloques: Manifestacións, Persoas presas pola revolta, Movemento estudantil, Asambleas territorais e Nova constitución. Insisto en que son puntos que gardan moita relación entre si polo que non se debe facer unha lectura individual, se non como un todo.

*Neste artigo empregarase o xénero neutro -letra “e”- pra incluir a tódalas persoas, en parte motivado polo seu continuo uso nas asembleas territoriais chilenas e conversas fora das mesmas.

Manifestacións:
Se falamos das manifestacións en Santiago hai que falar de Praza Italia, rebautizada como Praza Dignidade; este punto da cidade é xa emblemático, pois cada día da semana hai manifestacións, aínda que o día no que máis xente se suma con moitísima diferencia é o venres. Esta praza sirve como “fronteira entre clases”, xa que desta pra abaixo atópanse as zonas máis humildes de Santiago: as clases obreiras, os negocios locais e ambulantes, o narcotráfico, as asembleas de veciñes, a revolta… E de Dignidade pra arriba as clases altas, a xentrificación, negocios co menú en inglés, vivendas con gardas privados e camaras de vixilancia, a “normalidade”… É nesta praza onde milleiros de persoas acuden pra manifestar a súa indignación, tanto de maneira pacífica no centro da praza como de maneira máis violenta nos puntos de confrontación contra os carabineros. Se ben son dúas formas de protesta ben distintas, ambas compleméntanse: se non houbera xente en primeira liña mantendo á policía a raia, esta avanzaría e desaloxaría a praza de xente que se manifesta pacíficamente (como aconteceu en Noiteboa, onde non había tanta resistencia por parte des manifestantes e desaloxaron enseguida, tirando as ollas comúns coa cea pra as familias); e sen a xente máis pacífica a protesta perdería moito peso. Dicir que puiden apreciar unha total solidariedade coas persoas que deciden empregar a violencia como ferramenta lexítima da protesta por parte do pobo chileno, comprendendo que hai distintas maneiras de protestar e todas xustificables.
En Dignidade cadaquén averigua cómo pode aportar á revolta: hai quen pon en práctica seus coñecementos médicos, creándose grupo de Cruz Vermella pra cubrir, atender e transportar persoas feridas nos puntos máis conflictivos (cando os casos son especialmente graves chámase a una ambulancia que, coa axuda da xente, fácilmente sortea as barricadas); hai quen cociña pra a xente de primeira liña pra que non falten os folgos; hai quen queda en segunda liña con leite de magnesio ou auga con bicarbonato pra aliviar o efecto das lacrimóxenas e gas pementa; hai quen reparte gafas de seguridade gratuitas entre a xente de primeira liña pra disminuir as mutilacións; hai grupos de Dereitos Humanos que se encargan de visibilizar e denunciar os abusos policiais e cuxa presenza serve como atenuante da súa violencia. Tamén dentro da mesma primeira liña (os grupos de confrontación directa cos corpos represivos do Estado) hai distintos roles: portar escudos pra cubrir a manifestantes mentres estes lanzan cousas, achegar pedras á xente pra ter qué lanzar, dificultar a visión da policía con láseres ou botellas de pintura, formar barricadas a medida que se avanza ou ata levantar a moral picando música con amplificador ou tocando instrumentos. Incluso hai quenes ceden infraestruturas, como é o caso do GAM (Centro Cultural Gabriela Mistral), pra atender a persoas feridas de maneira segura, sendo unha especie de forte na que a xente pode estar segura da represión a poucos metros dos puntos conflitivos.

Pola contra, os corpos represivos tamén teñen as súas propias maneiras de actúar:
O comezo a represión era máis descarada, disparando balines de chumbo directamente á cara, converténdose a mutilzación de ollos na norma. Tamén hai vídeos que amosan a militares e carabineros durante o toque de queda arrastrando a corpos (inconscientes ou sen vida) ao interior de supermercados que máis adiante policías de paisano queimaban pra que semellase que as persoas morreran a causa de lumes provocados poles manifestantes. Tamén hai testemuñas de torturas e violacións nos cuarteis de carabineros.
Co paso do tempo, a represión e o ritmo de persoas asasinadas decreceu un pouco e accións como o uso de balíns de chumbo pasaron a seri ilegiais. Obviamente, isto non impediu que seguiran utilizándoos (actualmente empregan balíns de aceiro, isto está constatado por xente que os recolle do chan ou os sacan do seu corpo). Tamén comezou a ser común disparar lacrimóxenas directamente á xente, podendo ser fatal en caso de curta ou media distancia (varias persoas acabaron hospitalizadas, algunhas sen ámbos ollos). Tamén é común o uso dos chamados “guanaco” -camión con cañón de auga- e “zorrillo” -vehículo que lanza gas lacrimóxeno-. Está documentado que utilizaron o guanaco pra disparar auga con nada menos que soda cáustica a manifestantes, quenes acabaron con importantes queimaduras químicas. Este método vai variando, pero é común voltar a casa coa pel irritada se te alcanza o guanaco. Tamén utilizouse pra axudar a asasinar manifestantes, como o caso de Mauricio Fredes, quen caeu nunha fosa electrificada e a policía concentrou o cañón de auga nel ata matalo (a autopsia di que a causa da morte foi por sumersión). Con respecto ao zorrillo, a outra función que ten a parte de lanzar gases é atropelar a xente, como foi o caso de Óscar Pérez, que acabou con fractura de pelvis mentres que o policía que o mutilou de forma deliberada só ten que firmar mensualmente (non foi relevado do seu cargo). Tamén usan cabalos de cando en vez, quenes acaban sendo víctimas das propias lacrimóxenas lanzadas pola policía.
Outro método que empregan son as montaxes, alentando á xente en determinados casos a ser máis violenta, sendo a policía quen arma barricadas antes de que chegue a protesta, destrozando coches ou deixando que a xente prenda lume a edificios, como pasou coa Igrexa de carabineros en xaneiro. A finais de febreiro tamén se identificaron membros de carabineros disfrazados de obreiros deixando material inflamable nun punto; a muller que viralizou este intento de montaxe espertou o día seguinte coa súa fiestra baleada. Isto serve pra criminalizar a protesta e xustificar a aprobación de novas leis que dan condeas máis fortes ás persoas detidas por determinados cargos, como é o caso da Lei Anticapucha, Lei Antisaqueos ou Lei Antibarricadas (as cales partidos de esquerda como Frente Amplio ou Partido Comunista votaron a favor ou decidiron non votar en contra).

Con todo, a xente segue en pé de guerra, como quedou reflexado tamén o 8m, onde máis de dous millóns de mulleres saíron á rúa cun discurso de clase e contra as institucións moi potente, froito tamén de eventos como o Encontro Internacional de Mulleres que Loitan.

Persoas presas pola revolta:
Dende que comezou a revolta en todo Chile detivéronse a milleiros de persoas, habendo actualmente máis de 2.500 persoas presas, 900 delas en prisión preventiva agardando xuízo. As cifras son aproximadas pola extrema dificultade de realizar un censo/catastro, xa que dende Carabineros ou o goberno non dan as cifras reais. O principal colectivo que traballa pra coñecer e mellorar a situación das persoas presas pola revolta é a Coordinadora por la Libertad de lxs Prisionerxs Políticxs 18 de Octubre, que funciona como un espazo de articulación entre famliares, amigues, individualidades e organizacións pra responder ás necesidades de sobrevivencia dentro dos cárceres do Estado, así como as condicións do entorno familiar máis cercano. Fálase de preses polítiques porque quenes setán en prisión preventiva foron detides nun contexto de lexítima protesta e porque os delitos dos que se lles acusan teñen unha intención política, non porque eles se declaren necesariamente como tales (hai algúnhes que o fan e outres que non). Dende a coordinadora, que funciona mediante asembleas abertas, organízanse eventos como: conversatorios nos barrios pra informar das últimas novidades das persoas presas, puntos de acopio de insumos básicos e distribución dos mesmos, actividades barriais solidarias, concentracións pra reivindicar a liberación da xente presa (non só nos cárceres de persoas adultas se non tamén nos SENAME -cárceres de menores-, onde as condicións son, se cabe, peores que nos cárceres de adultes) e outras actividades como debates abertos sobre feminismo anticarcerario.

Movemento estudantil:
A presenza do movemento estudantil na revolta non sosprende a ninguén, xa que segue unha longa traxectoria de protesta contra o goberno tomándose os liceos, facendo paros nacionais e saíndo as rúas, como foi o caso das movilizacións no 2011 (o “inverno estudantil”) ou anteriormente no 2006 coa chamada “Revolución Pingüina”. Actualmente, as reivindicacións dos colectivos estudantíis seguen a ser en boa parte as mesmas: reforma constitucional pra que a ensinanza sexa un dereito e non unha “liberdade”, sitema nacional de educación estatal, gratuita, de calidade e con control comunitario, non á privatización de liceos, alternativas á PSU pra acceder á universidade… A conciencia de clase que se ve reflexada nestas reivindicacións fixo que moites estudantes a nivel individual pero apoiades por colectivos estudiantíis e outros, boicotearan as Probas de Selección Universitaria o pasado xaneiro, impedindo que se levara a cabo este proceso polo seu elitismo mediante filtracións das probas ou impedindo a entrada pra realizar as probas. isto rematou con máis de 60 persoas detidas a nivel nacional, a inmensa maioría sen antecedentes. O goberno mandou repetir as probas, anunciando os liceos correspondentes con dous días de antelación tras ser ocupados por carabineros pra evitar novos boicots, mais aínda así en varios liceos conseguíronse boicotear facendo ruido xusto abaixo de onde se facían a probas e nalgúns casos colándose dentro, mais desta vez chegaron a facer todas as probas necesarias.
Esta conciencia de clase é a que levou a estudantes de secundaria a animar a xente a saltar o torniquete e colarse no transporte público no comezo das protestas, motivo polo cal o goberno buscou organizacións culpables mais sen éxito, pois como explicaban rapaces da ACES (Asamblea Coordinadora de Estudiantes Secundarios), non había nin hai líderes, o acontecido foi espontáneo, dende a xente, non dende partidos ou organizacións, a pesar de que haxa colectivos organizados que apoien ditos actos. Polo que podo lembrar da miña conversa con membros da ACES, tamén sinalaban que as críticas do sector estudantil non son únicamente contra uns puntos concretos, se non contra un sistema político e económico determinados que comercian coa vida das persoas, polo que as reflexións que fan van a uns problemas estruturais, contra o neoliberalismo na súa totalidade. Isto paréceme importante xa que estamos falando de estudantes menores de idade dando a cara polos seus dereitos, e falamos de distintas xeracións, xa que dende a Revolución Pingüina pasaron 14 anos. Estamos, pois, ante un continuo relevo xeracional de loita social, un sector da poboación chilena en pé de guerra continuo, para quen estar cara a cara contra as forzas represivas do Estado non é novo.

Asambleas territoriais:
O máis destacable que desencadeou a revolta foi a aparición das asambleas territoriais, onde veciñes reúnense pra tratar de solucionar problemas de distinta índole tras percatarse de que non se pode delegar no Estado e a súa policía a función de resolver os problemas do pobo. As cualidades máis importantes destas asembleas é que son abertas e funcionan por consenso, entendendo como tal a continua vontade de non pasar por enriba doutre e tentando que quede reflexada a opinión de todo o mundo, aínda que ás veces isto torna bastante complicado debido o gran número de persoas dentro dunha mesma asemblea. Tamén hai un rexeitamento de condutas autoritarias (machistas, homófobas, tránsfobas, racistas…). Dende o comezo tiveron éxito, sendo tanta xente nalgunhas prazas que hai que facer varios grupos (ás veces según en que zona do barrio vive a xente, ás veces pola cantidade que pensara necesaria) pra poder xestionar mellor o proceso, levando o mesmo debate aos distintos grupos, os cales saen con distintas resolucións. Estas resolucións son trasladadas a toda a asemblea polas persoas que actúan como voceiras dos seus grupos, expoñendo os sentires e pensares do resto de veciñes. Unha vez que todes es voceires expuxeron, xa hai un conxunto de opinións da veciñanza reflexadas e ordenadas, o cal volve máis doado o traballo da asemblea.
As asembleas están constituidas por persoas con maneiras de pensar moi diversas, pero todas teñen claro que hai que apoiar á xente do barrio, a revolta e á xente represaliada. Pra isto, creanse eventos nas prazas pra axudar ás persoas presas -en conxunto con outros colectivos como a Coordinadora 18 de Octubre-, como poden ser espectáculos de danza (cuxas clases impátense na propia praza) con punto de acopio pra preses, ollas comúns pra xente do barrio (dicir que nas propias prazas viven varias persoas sen recursos), concertos ou faladoiros informando das últimas novas sobre persoas detidas, onde se aprobeita pra recoller cartos pra axudar económicamente ás familias. Aclarar que cando se fala de persoas presas non sempre son pola revolta, se non que tamén organízanse eventos polas presas políticas por ser mapuches e defender a terra, represión que se remonta a hai 200 anos. Todas as actividades son financiadas coa vontade da xente da asemblea ou da que acude aos eventos, ademáis da colaboración sen ánimo de lucro de bandas, ponentes, cociñeires, técniques de imaxe e son, etc.
A coordinación destes eventos lévanse a cabo mediante comisións formadas por persoas según as súas inquedanzas e as necesidades do barrio. Tomando como exemplo a Asamblea Autoconvocada do Barrio Yungay, que é na que tiven o pracer de participar, podense atopar as seguintes comisións: Educación Popular (educar e formar en temáticas de interese barrial), DD. HH. (xerar estratexias de seguridade nas marchas e observar vulneracións de dereitos humáns), Propostas (sistematización de demandas a nivel barrial e nacional), Cultura (realización de actividades artístico-culturales conc ontido político no barrio e nas marchas), Migrantes (traballar problemáticas en torno a migración e interculturalidade con pespectiva antirracista), Comunicacións (difundir as actividades do barrio), Difusión e Propaganda (crear material de propaganda como lenzos, octavillas…), Saúde (xerar espazos de autocoidade e actividades pra o bo vivir entre veciñes), Abastecemento (incentivar o desenvolvemento da economía local mediante iniciativas como olas comúns, cestas de insumos…), Mulleres e Disidencias (espacio de encontro seguro entre mulleres e disidencias pra discutir as súas propias demandas) e Paxariños (lugar de encontro e recreación pra nenes).
Aínda con todas estas comisións, co paso do tempo van variando as necesidades da asemblea, podendo chegar a formarse novos grupos de traballo, como é o caso do Circulo de Masculinidades de Yungay, espazo non-mixto pra homes pra traballar as condutas machistas, autocoñecerse, aprender uns doutros e mellorar xuntos, xurdido a raíz das queixas de varias veciñas da asemblea sobre condutas patriarcais de varios veciños da asemblea. Da mesma maneira, dende unha asemblea de mulleres e disidencias que preparaban o 8m, xurdiu un protocolo de actuacións ante condutas machistas nas asembleas territoriais. Dito protocolo leuse e revisouse en conxunto na asemblea, e vendo que en boa parte dos casos a resolución era botar á persoa da asemblea, xurdiu a proposta do circulo de masculinidades pra non limitarse a afastar e ignorar o problema como fai o Estado.

Tamén hai coordinación entre asembleas territoriais, por exemplo á hora de facer cacerolazos ou marchas, onde xente queda no seu barrio e acaba xuntándose con veciñes doutras zonas. Este tipo de eventos xestiónanse a través da CAT (Coordinadora de Asembleas Territoriais), onde voceires (que non líderes ou dirixentes) de cada asamblea reúnense semanalmente pra trasladar as resolucións e propostas de cada barrio.

Unha pequena anécdota con respecto a estas marchas: ás veces hai rapaces encapuchades que fan barricadas no medio das estradas con lixo e lume ó longo do percorrido, cousa que non estaba prevista na asemblea. Isto xerou descontento con algunha xente do barrio e levouse o tema a asemblea (de Yungay), onde todo o mundo tivo claro que non se lle pode dicir á rapazada como debe manifestarse, o cal foi unha grata sorpresa ver de novo como, a pesar de diferencias políticas, a idea de que toda forma de protesta é lexítima está tan arraigada na xente.

En definitiva, foi unha experiencia enriquecedora formar parte da Asamblea do Barrio Yungay e aprender e debater con persoas con outras realidades tan distintas á miña e ver a xente de idades tan diversas (dende estudantes ata xente que protestaba contra Pinochet durante a ditadura) traballar xunta. O acollemento que recibín dende o comezo foi xenial, sempre percibindo unha atitude pra que ninguén se sentise desprazado. O único momento de desmotivación foi cando comezou o debate sobre a proposta do goberno dunha nova constitución.

Nova constitución:
O 15 de novembro, tras mes e medio de protesta nas rúas con varios asesinatos por parte do Estado, o goberno chileno e a oposión chegan ao acordo de realizar un plebiscito pra que a xente decida se quere unha nova constitución e así tentar extinguir as protestas. Cómpre dicir que a constitución chilena actual é do 1980, elaborada na ditadura (1973-1990) por Javier Guzmán (asasinado anos máis tarde polo Frente Patriótico Manuel Rodriguez). Isto, sumado a que Pinochet estivo como xefe do exército ata 1998 e como senador ata o 2001, crea a sensación máis que xustificada dunha falsa transición á democracia, polo que é comprensible que pra moita xente vexa importante cambiar a constitución.
Pero, por que é tan mala a constitución actual, a pesar de que foi “enmendada” máis dunha decena de veces? Resumidamente, porque é unha constitución que ampara medidas neoliberales como a privatización da sanidade (véxanse as Institucións de Saúde Provisional e os seus prezos abusivos), as Administradoras de Fondos de Pensións (negocio creado por José Piñera, o irmán do presidente, pra que empresaries se lucren cos cartos traballados pra a xubilación de millóns de chilenes), a masiva privatización de universidades ou a privatización da mesma auga (o que desenvoca en despoxo, usurpación, contaminación de territorios e asasinatos contra pobos orixinarios, deixando claro que o extractivismo é unha forma de colonialismo).
Por todo isto, é normal que moita xente vexa a constitución actual como fonte dos seus males, polo que o 15 de decembro organizouse unha votación en todas as comunas de chile onde as persoas podían votar dende os 14 anos (se a alguén lle parece unha idade moi nova pra votar, que saiba que a esa idade xa tes responsabilidade penal) sobre os temas máis importantes nos que habería que traballar pra mellorar. Primeiro, dicir que esta votación é non vinculante, é dicir, papel mollado, o que da a pensar que é unha estratexia pra apaciguar a protesta e dar unha falsa ilusión de que se está conseguindo algo; por isto, nalgunhas asembleas territoriais contempleuse ata a posibilidade de boicotear dita votación. Segundo, aínda que o formato de votación vai variando dunha comuna a outra xa que é cousa do alcalde/sa de cada zona, mantense sempre a constante de elexir uns puntos por enriba doutros, por exemplo: “qué é máis importante pra ti: a educación, a sanidade ou o transporte?”, obrigando a xente a deixar de lado outras loitas como se non fose posible mellorar a situación en todo-los ámbitos, como se non houbese recursos cando a policía, militares e polítiques rouban millóns… Terceiro: non estaban reflexadas todas as reivindicacións que hai na rúa. Isto fixo que a participación non fora moi alta e que moita xente fora a votar por inercia ou sen expectativas.

A pesar de que esta pantomima non freou a loita nas rúas, a medida que se achegaba a data do plebiscito (o 25 de outubro, tras ser aprazado o 26 de abril “pola corentena”), comezou a haber prolongados debates nas asembleas territoriais sobre se ir a votar ou non para cambiar a constitución. Isto non é un problema per se, todo o contrario, todos os debates aos que asistín parecéronme moi sans; o problema é que este tema foi moi reiterativo e chegou a monopolizar as asembleas, sendo o tema central e, en ocasións, o único (privando de tempo pra tratar temas como a preparación pra a finalización do verán e reactivación da protesta, traballo pra inclusión de xente inmigrante, etc).
Con todo, tamén deuse pé a eventos interesantes sobre qué aspectos debería contemplar a nova constitución, chegando a aprender sobre o negocio da auga, a situación de pobos orixinarios, funcionamento das AFPs… Charlas enriquecedoras independentemente da postura que se tivera sobre o plebiscito, organizadas polas asembleas do barrio e impartidas por xente ben informada.

Os argumentos pra ir a votar que se atopaban nas asembleas, se ben válidos, non nos son novos ás anarquistas: “hai que votar porque os fascistas si que van votar”, “hai que votar porque a alternativa é peor”, “hai que votar porque sería gañarlles no seu terreo, no institucional”… Chegándose a escoitar cousas como “quen non vai votar é porque non lle importa a loita, só lle interesa facer barricadas e queimar cousas”. Na asemblea da que formaba parte a maioría da xente estaba a favor de votar, aínda que tamén había persoas que non querían participar nese proceso. Noutras asembleas o consenso determinaba un posicionamento da asemblea xa non a favor de non ir a votar, se non de boicotear o plebiscito, xa que é convocado polo mesmo goberno que está torturando e asasinando xente e non se pode esperar que agora vaia cambiar de súpeto e ser “bo” co pobo e levar a cabo reivindicacións como soltar a todas as persoas presas da revolta, acabar coa privatización da sanidade, educación, auga, etc.
Se ben semella que a maioría da xente afín a protesta vai votar, tamén atopei bastante xente que non vai votar porque ven o proceso constituinte como un lavado de cara.

Esta situación crea un conflito interesante, xa que sempre houbo unha postura de aceptación ante toda forma de protesta, pero que pasa cando dúas formas de protesta chocan entre elas (ir a votar e boicotear a votación)? Creo que cabe agardar algún confrontamento incómodo, mais o sentimento xeral é que, independentemente do que cadaquén vaia facer o día do plebiscito, non pode morrer a loita nas rúas e o apoio mutuo.

Unha terceira vía que é a que desexa a maioría da xente afín á protesta, independentemente de que voten ou non, é a creación dunha nova constitución popular, plurinacional e feminista, creada dende abaixo atendendo ás necesidades dos pobos e imposta ao goberno. Isto ten dúas problemáticas claras: a primeira é que o poder nunca renunciou nin renunciará ó poder; e a segunda é que, no caso de lograr dita constitución, como se podería garantizar o correcto cumprimento da mesma? O incumprimento da constitución pra favorecer ás institucións e grandes empresas é algo que estamos fartos de ver no Estado español, aínda que de maneira menos descarada que en Chile.

Establecendo un paralelismo coa evolución do 15m, preocúpame bastante que a revolta chilena morra poñendo a fe nunha nova constitución como pretexto pra “refundar a democracia” da maneira que fixo a xente aquí despositando as súas esperanzas nos “partidos do cambio”.
Con todo, só queda estar atentes a medios contrainformativos pra ver como evoluciona todo. A continuación, algúns blogues útiles pra isto:

https://coordinadora18deoctubre.wordpress.com/
https://hacialavida.noblogs.org/
https://boletinyungay.org/
http://www.politicasalvaje.cl/

Foron seis meses de protesta dende que escribín este artigo, protesta con altibaixos, xa que durante a corentena a xente non puido reunirse nos barrios (aínda así a xente facía grupos de videochamadas) e as protestas nas rúas e confrontacións coa policía baixaron (pero sen deterse por completo); tamén é relevante mencionar as folgas de fame de maís de 100 días en varias prisións do Estado dos presos políticos mapuche, que seguen encarcerados a día de hoxe vítimas de diversos montaxes, lembrando á Operación Huracán do 2017 que rematou soltando a todos os presos mapuches por falta de probas, máis a criminalización deste pobo segue a día de hoxe. A pesar de todo, o odio cara a policía non fixo se non acrecentarse, xa que a xente que se gañaba a vida nas feiras e postos ambulantes viuse abasallada polos carabineros que lles impedían traballar pra poder comer, a pesar das protestas dos veciños.

Falta unha semana pra o plebiscito constitucional do 25O e a xente segue a ocupar Praza Dignidade todos os venres (e entre semana), e semella que así seguirá sendo pra moita xente que sinte que a loita está na rúa, aínda que haberá que agardar ó resultado pra estar segures. Se ben é doado atopar xente das asembleas defendendo a votación pra cambiar a constitución ou fascistas que instan a votar “rechazo”, deixo aquí un artigo explicando dende unha perspectiva anarquista por qué é irrelevante pra algunha xente o resultado do plebiscito.

Pouco máis que engadir, animo de novo a seguir a evolución das protestas e visibilizar a represión do Estado.

Ata que a dignidade sexa costume.

Leave a comment