A Audiencia Nacional contra o independentismo galego. Toda disidencia é terrorista

Hoxe, 19 de outubro, comeza na Audiencia Nacional o xuízo contra 12 independentistas galegos por suposto enaltecemento do terrorismo. A “operación Jaro”, que senta no banquillo a membros do partido político Causa Galiza e da organización antirrepresiva CEIVAR, ameaza cun total de 102 anos de cárcere (entre 4 e 12 por cabeza) e coa ilegalización de ambalas dúas organizacións.

Onte, domingo, unha multitudinaria manifestación percorría as rúas de Santiago de Compostela en apoio dxs procesadxs e en repulsa da deriva totalitaria e represiva do estado español, empeñado en perseguir a liberdade ideolóxica e de opinión a golpe de lexislación antiterrorista. Ademais da abafadora presenza nacionalista, alí reunímonos persoas de todas as tendencias do espectro contestatario, preocupadxs polo galopante endurecemento punitivo no estado. Ata nos vimos obrigadxs a aturar a presenza de destacadxs  politicuchxs,  pretendidamente de esquerdas, da oposición parlamentaria galega; sempre en primeira fila, preparadxs para a foto, e dispostxs a non desaproveitar un bo titular co seu nome baixo un retrato do seu jeto. En fin Serafín, incómodas compañías da loita antirepresiva.

A operación Jaro iniciouse no ano 2015, coa detención de 9 persoas relacionadas coa formación política Causa Galiza. Logo sumaríanselles outras tres do grupo de apoio a presos independentistas CEIVAR. Ambas estruturas descritas pola fiscalía como “organizacións criminais”, polo que instan a súa ilegalización. Todo o procedemento xira en torno ao suposto “enaltecemento do terrorismo” derivado da xustificación das actuacións de organizacións armadas independentistas e do recibimento de presos de Resistencia Galega (organización que, lembramos dende aquí, nunca mancou a ninguén). A persecución ideolóxica emprendida por este tribunal de excepción chega ao absurdo de imputar a un dos acusados a participación na súa propio bemvida. Certamente o recibimento non sería o mesmo sen el, iso é induvidable: canta perspicacia destila a Audiencia Nacional.

O xuízo prolongarase durante varios días, e aínda que non esperamos nada dun estado cada día máis totalitario e liberticida, desexamoslles a maior das fortunas axs acusadxs. Pois xa se sabe o que di o poema: “primeiro foron a polos xudeus, pero como non era xudeu a min non me importou… cando viñeron a por min xa era demasiado tarde”. Lamentablemente, coa crise que se aveciña, todo fai supoñer que en diante este tipo de desmáns serán o pan noso de cada día.

Vémonos nas rúas… ou no talego.

 

Seguir o proceso en Galiza Livre -aquí

Leave a comment