Acción en apoio a persoas presas no centro de A Coruña

O sábado 7 ás 18:00 un grupo de xente reuniuse no centro coruñés (fronte ó Teatro Rosalía de Castro) e comezou a medir e debuxar un rectángulo con xiz no chan. Minutos despois debuxaban nese rectángulo outros elementos que foron etiquetando como “cama”, “wc” e “mesa”. Por último, aclarouse con xiz que se trataba da pranta dunha cela de illamento a escala real.

O grupo continuou co seguinte  paso que consistiu en pegar arredor do plano varias follas con información moi variada sobre os centros penitenciarios no estado español, centrándose nos cárceres pra adultos pero tamén tocando temas como os cárceres pra menores e pra inmigrantes (CIES), así como visibilizando as denuncias hacia o estado español dende organizacións internacionais por malos tratos nestas prisións.

Unha vez montado este chamativo escenario, despregouse unha faixa co lema “COVID + CÁRCERE DOBRE CONDENA”, utilizada dous días antes noutra acción de apoio a persoas presas.

Este acto, que durou aproximadamente unha hora e media, chamou a atención a moitas persoas que paseaban pola rúa máis frecuentada da cidade, que paraban a ler as follas no chan e observar a cela mentres un par de persoas se achegaban a repartir octavillas con información máis actual sobre os abusos nos cárceres coa excusa do Covid (cancelación dos vis a vis, desatención médica, illamento…).

Sobre as sete e media, ó acabar de repartir todas as octavillas, comezouse a recoller, deixando no chan os papeis pegados con cinta illante arredor da xiz pra que os vira máis xente.

A valoración do acto foi positiva. Quitando os típicos comentarios tipo “que no haya presos es tan fácil como no delinquir” ou “querrán vivir en un hotel, aún por encima”, moitas persoas, sobre todo xoves, estiveron receptivas e interesadas en escoitar sobre a situación destas persoas en posicións máis vulnerables. Con sorte veranse caras novas na próxima marcha á prisión de Teixeiro o 19 de decembro, xa que se anunciaba nas octavillas repartidas (xunto cun caso de represión a unha compañeira por organizar unha marcha pacífica hai anos á que lle piden anos de cadea).

Leave a comment