A solidariedade senta na bancada

Difundimos o seguinte texto também publicado no blogue ogajeironagavea.

O vindeiro mércores, 25 de novembro, nos xulgados da Coruña sentan na bancada do acusados cinco solidarias coas persoas presas, a fiscalía pide penas de cárcere que van desde un ano e seis meses ata tres anos á persoa convocante.

Os feitos ocorreron en xaneiro de 2013, fai xa case oito anos, nunha marcha ao cárcere de Teixeiro. A nosa pretensión era denunciar a situación que viven as persoas presas: torturas, asasinatos, malleiras, abusos, amontoamento, réximes especiais FIES, dispersión, desasistencia médica, represión ás familiares e amigas das persoas presas …

Todos os anos, desde fai mais de vinte, realízase esta marcha. Queremos resaltar que sempre a presenza dos corpos represivos é brutal (garda civil, policía nacional, antidisturbios, secretas) superando en moitas ocasións o número de persoas concentradas.

A tensión chéirase no ambiente, desde a nosa chegada somos observadas, inspeccionadas, espiadas, gravadas, identificadas, ultraxadas, dirixidas, sometidas á lei, reguladas, escrituradas, sermoneadas, verificadas, clasificadas, censuradas , ordenadas, rexistradas, amoestadas, multadas, previdas, castigadas, estafadas, reprimidas, maltratadas,… e agora, xulgadas e condenadas.

Ese ano concentráramonos ao redor dun centenar de persoas e, como todos os anos, o talante dos corpos represivos foi intimidador; en anteriores ocasións picárannos os pneumáticos dos nosos vehículos. Despois de que varias compañeiras ofrecéranse voluntarias para vixiar os coches, o resto dirixímonos en marcha cara á prisión, sempre baixo a estreita vixilancia dos corpos de “seguridade”.

Á nosa chegada varias compañeiras dispuxéronse, como vén facendo todos os anos, a lanzar uns foguetes (artificios pirotécnicos); a finalidade é que as persoas presas saiban da nosa presenza. Nese momento a policía de forma brutal e prepotente abalanzáronse sobre as compañeiras e produciuse un tumulto no que foron identificadas varias persoas.

Oito anos despois esas persoas son procesadas con peticións desproporcionadas que inclúen condenas de prisión.

A solidariedade! ese é o delito e todas somos culpables, todas as que rexeitamos este sistema punitivo, opresor e explotador, as que queremos que todas sexamos libres fora desta sociedade-cárcere; todas estamos a nos poñer no lugar no que a “lei” concibe a culpa, cos nosos posicionamentos estamos a adquirir diante deles a condición de culpabilidade.

Ningunha de nós é inocente e sería un erro identificarse con este concepto, todas somos culpables, estamos na súa lista de futuras persoas presas, só é questión de tempo, ninguén está á marxe da súa represión, dos seus códigos, das súas leis. Poida que mañá sexas tu a persoa presa ou perseguida, que cambien a túa vida completamente.

Calquera individualidade, grupo ou colectivo disidente converteuse no albo do seu punto de mira.

Están a cazarnos como a moscas!

Destruír e, se non é posible, neutralizar a nosa capacidade de mobilización social e de denuncia é un dos seus obxectivos.

Por iso mesmo faise imprescindible non ceder na nosa loita e mostrar a nosa solidariedade coas persoas represaliadas e con quen sentan agora na bancada esixindo a súa total absolución.

Boti.

Leave a comment