Proxecto Cárcere cumpre 10 anos denunciando o abandono do antigo cárcere

O 20 de novembro, ademáis de convocarse unha concentración antifascista, cumprianse 10 anos do nacemento da Plataforma Proxecto Cárcere. Dita plataforma xurdiu “co fin de mostrar o grande potencial que ten este edificio -o antiguo Cárcere da Torre-, noutroras símbolo da represión, como espazo de encontro e liberdade dende onde a cidadanía podamos participar activamente na construcción da nosa comunidade“.  Cómpre dicir que este colectivo funciona de maneira asemblearia e horizontal e que, se ben vese na “obriga” de dialogar con partidos políticos, nunca casou con ninguén. Durante unha década Proxecto Cárcere estivo traballando nas canles institucionais con distintos gobernos locais (e co Ministerio de Interior) pra evitar que a antiga prisión non seguira sufrindo o deterioro causado polo abandono, pero vese que iso non interesa aos gobernantes. Perdón, non interesa a non ser que poidan sacar rédito político, como foi o caso da Marea Atlántica que, pra lavar a súa imaxe tras o desaloxo da Insumisa que deixou a varias compañeiras imputadas, deu permiso durante uns meses (de agosto a decembro) pra realizar múltiples eventos. Estes foron meses cheos de vida no antigo cárcere: obradoiros, proxeccións, presentacións de libros ou proxectos, clases, teatro… Era como se durante todos os anos anteriores solo se precisara un pouco de vontade por parte das institucións pra deixar que o pobo coidase dun espazo con tal carga social e política e tan grande potencial.
Mais, como cabía agardar, non durou pra sempre: entre que o interese de diálogo por parte do concello da Marea brillaba pola súa ausencia e as continuas trabas burocráticas que se atopa calquera que entra neste submundo, o espazo viuse obrigado a pechar, ou máis ben pechárono cambiando a pechadura sen avisar previamente á propia xente que andaba a coidar do espazo, baixo a argumentación da Xunta de que se levaran a cabo obras sen permiso (pra deixar que o teito caiga a cachos non fai falla permiso, vaia).

Ademáis dese periodo de tempo, o cárcere só estivo aberto durante unhas xornadas de PC de 4 días durante setembro do 2011, cando o bipartido do PSOE-BNG.

Con este trasfondo non é de estrañar que o cárcere recibira o honor de ser nomeado por UNASCO como Patrimonio Mundial da Humidade, como indicaba un cartaz que apareceu o 20 de novembro na entrada do mesmo. Tamén subiuse ao Caralibro de Proxecto Cárcere o seguinte texto explicando tal logro:

Hoxe facemos 10 anos de andaina e recibimos esta grata nova da UNASCO. Compartimos o seu comunicado:

UNASCO comprácese en anunciar o nomeamento do cárcere da Torre, sito na cidade da Coruña, como Patrimonio Mundial da Humidade.

Quere así premiar e felicitar un labor de anos levado a cabo polo Ministerio de Interior do Goberno de España e polo Concello da Coruña, coa inestimable colaboración da Xunta de Galicia a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio. Non queremos deixar de nomear tampouco o Colexio de Arquitectos e a Escola de Arquitectura local, sen cuxo manifesto desinterese por defender un urbanismo centrado nas persoas, o traballo das administracións sería, indubidablemente, algo máis difícil.

As razóns que nos levan a conceder este recoñecemento ao seu traballo son as seguintes:

Polo afán amosado por estudar ata onde poden as construcións históricas locais soportar as inclemencias do tempo e o paso dos anos sen os máis mínimos labores de mantemento e coidados. Nomeadamente, a prisión coruñesa ten unha cuberta vexetal que é a envexa de calquera estudo de arquitectura centroeuropeo.

Por elevar desde as institucións o “facer como que fas” á categoría de arte, ao tempo que perseguen, e conseguen, os resultados contrarios aos obxectivos que na teoría rexen a súa actividade. Todo, por suposto, amparado pola lei e con formulario por triplicado. Isto ten uns efectos especialmente irreversibles sobre a (des)protección do patrimonio que non podemos senón aplaudir.

Polas súas prácticas de desmobilización social e políticas de desprezo á comunidade, que promoven unha poboación apática e sen capacidade de actuación. Os bos xestores precisan poder e desfacer sen a molestia continua de ter que render contas.

A Coruña é, polo tanto, vangarda unha vez máis. Superou a mentalidade –moi primaria e rústica pero aínda vixente naquelas cidades menos adiantadas que incomprensiblemente adoitan ocupar os primeiros postos das listas de benestar– de valorar de xeito positivo a natureza e as construcións singulares. Polo contrario, na cidade galega leva unhas décadas esténdendose, por sorte, a noción de que as árbores ensucian e o formigón e o PVC alegran o espírito. Unha contorna esta que lle quite aínda máis as ganas de compartir e cooperar á veciñanza. Unha utopía.

A Coruña vive xa no futuro. Marca o camiño desas cidades máis grises e asépticas que merecemos, cidades que non teñan que cargar coa sensibilidade da memoria nin a irritación de malgastar metros cadrados e cartos en espazos comunitarios.

Foi esta unha decisión difícil; había outras candidaturas fortes como as chamadas “Naves do Metrosidero” ou os locais comerciais próximos ao Campo da Leña. Con todo, non nos cabe dúbida de que, grazas ás súas políticas de total desentendemento, algún outro dos edificios coruñeses recibirán de novo este prestixioso distintivo nos anos vindeiros.

Non queremos pechar esta comunicación sen desexarlle sorte á Coruña no seu obxectivo de conseguir para os charcos do interior do cárcere a categoría de piscina olímpica.

Lo que mata es la humedad
Proverbio arxentino

Pra finalizar, só quero engadir unha reflexión: este colectivo leva unha década indo pola vía “boa”, a “legal”, pra abrir un centro social autoxestionado (dentro do posible cando dependes do permiso do goberno). Nesa mesma década puidemos ver outros exemplos de centros sociais que optaron por outra vía, a da confrontación institucional en vez da cooperación, a da okupación e resistencia en vez do diálogo e a burocracia; foron casos como os CSOs das Atochas (2008-2011), Palavea (2011-2014) ou a Insumisa (novembro 2016 – maio 2018). Reconto: uns 5 anos e medio de espazos okupados abertos fronte a 4 meses dun espazo cedido polo concello. Con isto só pretendo sinalar que se ésta é a capacidade que ten un goberno (ou catro) pra cubrir as necesidades da cidadanía, como non vai a mesma a recorrer a outros medios como a okupación e a autoxestión? Non quero que se me malinterprete: non digo que non poidan convivir na mesma cidade un centro social okupado e outro cedido, de feito sempre houbo boa relación entre Proxecto Cárcere e o resto de cc.ss. da cidade (alugados ou okupados), ata o punto de colaborar en eventos ou amosar o seu apoio á Insumisa fronte ó desaloxo executado polo mesmo goberno do que dependían pra que abrise o cárcere, o que se chama solidariedade. Únicamente penso que as (in)accións das intitucións lexitiman aínda máis a okupación que tanta mala prensa anda a darlle mala imaxe, cando estamos vendo que non hai alternativa.

Sen máis, unha aperta grande a Proxecto Cárcere e grazas por non perder a retranca e arrincar uns sorrisos nun contexto que nos forza pra o lado contrario.

Leave a comment