Conspiranoia e anarquismo

Sempre me sorprendeu o feito de que moita xente pense que como son anarquista xa teño que crer en mil e unha teorías disparatadas: que se os chemtrails, os iluminatti, extraterrestres  reptilianos ou calquera outra estrafalaria chifladura sobre secretísimas conspiracións internacionais. Por suposto que creo que os gobernos utilizan as mentiras propagandísticas, as “fake news” e mesmo as operacións de “falsa bandeira”, matando a xente  secretamente cando convén aos seus intereses. Pero iso é unha cousa e outra moi distinta os complots internacionais para ocultarnos a existencia de marcianos, as sectas secretas que dirixen o mundo ou as conspiracións planetarias para envenenarnos con axentes tóxicos fumigados desde avións ultra-secretos. Operacións desa envergadura necesitarían unha loxística absurda, estilo aeroportos escondidos en volcáns de illas con forma de calabeira. Por non dicir que no mundo de hoxe, coa hexemonía que adquiriron a propaganda e os medios de información, se o poder ou  algún outro millonario conspirador quixese envenenarnos con substancias estranas, non tería ningún sentido que conspirasen para lanzalas desde avións; só terían que anuncialas por televisión para que nós mesmos as comprásemos entusiasmados. Sairían pola tele Cristiano Ronaldo e Belén Esteban dicíndonos que eles as toman todas as mañás e o ben que lles sentan, e xa todos correriamos a comprar o veleno na súa versión embotellada e ao prezo que fose… Se é que llo quitariamos das mans!

O certo é que para min, como anarquista, o mundo é moito máis sinxelo que todo iso e réxese por principios máis básicos. A saber: O capitalismo só obedece a unha lei, que é a de tratar de acumular mais diñeiro que o resto. Non hai conspiracións internacionais, só cálculos comerciais e repartición de dividendos. Se dá pasta faise, e se non te jodes. A única conspiración internacional é a de tratar de vendernos a moto de que os gobernos e as empresas fan cousas con fins mais altruístas que os de amasar cartos. Así vexo eu a triste realidade do capitalismo, e eles apenas pretenden ocultalo: o que move o mundo é a acumulación de capitais.

Eu pola contra, na miña simpleza anarquista, concibo a sociedade doutro xeito, case como un problema matemático de 1º da E.S.O.: enténdoo segundo o principio de “os nenos e as mazás”. Se hai 10 nenos e 50 mazás, toca a 5 mazás por neno. Todo o que se saia de aí son pallas mentais concibidas para xustificar o vivir mellor que o resto. En canto á cuestión do poder, tamén a vexo de forma moi simple: todo aquel que teña mais poder que os demais acabará por abusar do mesmo (e isto vai igual por Bill Gates, que por Mahatma Gandhi, Stalin, o Dalai Lama, ou eu mesmo chegado o caso) o que teña mais autoridade coercitiva que os outros terminará por usala de forma arbitraria e partidista. Por iso penso que canto máis diluído se atope o poder no seo da sociedade, máis difícil será abusar do mesmo. Faime moita graza o de que “para que funcione o  anarquismo todos teriamos que ser bos”, pois é precisamente ao contrario: como non somos bos, será mellor que ninguén mande sobre ninguén, para que non poida abusar dos demais. Se todos fósemos bos daríanos igual quen gobernase, porque o faría ben. Pero o certo é que como non o somos, é mellor estar todos ao mesmo nivel, non sexa que a alguén lle apeteza aproveitarse do resto.

Así que os meus principios anarquistas son a mar de simples: o problema está na mera concepción da sociedade, orientada a acumular riqueza e poder os uns sobre os outros, e reproducida ao longo de toda a estrutura social. Entón por qué narices pensan os  conspiranoicos que eu debería estar do seu lado? Se eles o que pensan é que todo sería estupendo e marabilloso se non fose porque un  grupúsculo pérfido e secreto de poderosos tennos a todos enganados ocultándonos escuras tramas subterráneas. Se para min todo é moi fácil e vese á luz do día: o que hai que facer é acabar coa explotación do home polo home (ou da muller polo home, ou da muller pola muller… ou calquera das súas posibles nefastas combinacións) e substituíla por un sistema horizontal e igualitario. Pero ese mundo desigual e xerarquizado esténdese a todo o longo da pirámide social, non está restrinxido a un selecto grupo de poderosos  conspiradores. Non hai malos malísimos gobernando o mundo vestidos con túnicas escuras en castelos dos Cárpatos. Só hai gobernantes tratando de perpetuarse e directivos de empresas multinacionais tratando de conseguir mais cartos para os seus accionistas. E se quitas a un, poñerán a outro con idénticos obxectivos. Probablemente se os tratas en persoa ata serán boa xente. A función que o sistema lles deu é precisamente a que fan, e se non a fan eles o fará outro. Porque diso se trata: dun sistema. Un conxunto de complexos mecanismos sociais que funcionan mais aló da vontade expresa dos seus individuos. Non é unha conspiración, nin as consecuencias de maquiavélicas artimañas dalgún  Fu-Man-Chú malévolo, é unha  maquina impulsada unicamente polo seu propio crecemento desbocado.

Oxalá houbese uns malos malísimos gobernando o mundo desde ese castelo dos Cárpatos, ou desde a illa con forma de calabeira; oxalá houbese unha “estrela da morte” que, ao destruíla, todo se voltara bo e de cor de rosa. Pero o certo é que para cambiar o mundo imos ter que inverter de arriba abaixo a pirámide social. Non será tan sinxelo como descubrir á secta dos  illuminati coas súas túnicas e os seus saúdos arcanos, eliminala, e todo virará a funcionar de marabilla. Xa molaba!

Pero ultimamente semella que a gran parte do movemento anarquista deulle por caer seducido pola moda conspiracionista. Que se virus de laboratorio, que se tramas ocultas para implantarnos chips ou plans quinquenais para cambiar a orde mundial. Por non falar da cruzada a brazo partido contra o uso de mascarillas. Desgastando as nosas forzas e a nosa (xa de seu) escasa credibilidade ao asociarnos coas teorías máis disparatadas do ciberespazo.

A ver, entendámonos primeiro: por suposto que o capitalismo vai utilizar esta pandemia (ou calquera outra cousa que lle xurda) para impulsar a súa axenda neoliberal. Iso é evidente. Está claro que esta situación vénlles de perlas para, en virtude do principio da “doutrina do shock”, axustarnos as tuercas cara ó totalitarismo rampante e a ditadura tecnolóxica. Cousa que, dito sexa de paso, xa viñan facendo antes con maior ou menor sorte. Pero iso non quere dicir que todo sexa un plan minuciosamente trazado para conseguir os seus escuros obxectivos (que, doutra banda, de escuros non teñen nada, vense perfectamente e á luz do día, só hai que escoitar a Trump, Bolsonaro ou calquera outro bocachancla da política internacional). Quero dicir que é evidente que de aquí imos saír mais fodidos que como entramos, polo menos en canto a control social se refire; pero non tanto por unha axenda oculta deseñada de antemán como pola improvisación totalitaria coa que pretenden saír do paso.

Eu non sei moito de enfermidades e pandemias (e non será  rebuscando por internet como me poida construír unha opinión documentada). Pero non me parece a min que sexan unha cousa tan rara; veñen de lonxe, estiveron aquí sempre e levan liquidándonos desde o principio dos tempos. Eu non sei realmente como se xerou este virus en concreto, pero as enfermidades infecciosas son parte do ecosistema. Un mecanismo biolóxico mediante o cal se regula e reaxusta o entorno para manter a simbiose e a harmonía natural das especies. Hóuboas sempre e, en verdade, esta é máis ben das pequenas. É das de “de pouca monta” se a comparamos, por exemplo, coa peste bubónica. O Covid19 matou a menos de un por cada mil, mentres que “a gripe española” matou a case un de cada tres. Postos a elucubrar, e tendo en conta que a nosa civilización occidental virou do reves as pirámides poboacionais grazas ao uso dos fármacos e a medicina, tampouco me parece tan raro que a natureza se autorregule atacando aos sectores da poboación máis envellecidos. Xa digo que non teño nin idea da orixe desta enfermidade, pero a min paréceme en grao sumo razoable que nos tocara naturalmente o padecela; sen necesidade ningunha da intervención de gobernos  conspiradores, a  trilateral, os  illuminati, Bill Gates ou os reptilianos. Se nos fixamos na frecuencia coa que as pandemias diezmaron a nosa especie (e a todalas demais) ao longo da historia, ata semella que xa estaba a tardar. É por iso que considero un tanto aventurado lanzarnos a cuestionar a súa existencia, ou a súa orixe natural, ou dicir que é só unha gripe normal. E máis aínda facéndoo en base ás opinións pouco contrastadas de catro expertos de saldo. Penso que perante a dúbida, quizá sería mellor optar pola prudencia.

Non nos confundamos, non pretendo suxerir que as multinacionais farmacéuticas non queiran forrarse á nosa costa, ou que Bill Gates sexa un  filántropo. Nada máis lonxe da miña intención. Por suposto que os lobbies farmacéuticos tratarán de impoñer a vacinación obrigatoria ou calquera outra medida orwelliana e distópica que lles encha de billetes os petos. Do mesmo xeito que Bill Gates procurará sacarlle todo o beneficio que poida ao asunto este. Ata cabería a posibilidade de que xa o tivese máis ou menos planificado. Ser un dos tipos máis ricos do mundo serve precisamente para rodearse de asesores que che digan onde investilos cartos. E para anticipar unha pandemia tampouco fai falla ser Nostradamus precisamente. Así que o tipo ben podería ter o escenario previsto para xogalas súas cartas chegado o caso. Con todo resúltame moito máis difícil de crer que esta enfermidade fose provocada adrede. E aínda máis difícil pensar que é todo un invento; que isto non mata a ninguén e que é só un plan maquiavélico para dominar o mundo. Mundo que xa teñen dominado, por certo.

Máis ben penso que o aliñar o anarquismo con teorías conspiranoicas e cruzadas pueriis de  satanización das mascarillas sitúanos, a ollos do común do cidadán, á altura dos chalados que defenden que a terra é plana, que nos gobernan os marcianos, ou os que aseguran que podemos alimentarnos só da luz solar. Dese xeito anulamos o noso discurso e nos  invisibilizamos a ollos da sociedade. O sistema, que coñece a nosa querenza natural á desconfianza, trata precisamente de asimilar calquera discurso crítico a este tipo de teorías absurdas coa intención de deslexitimar a disensión e a disidencia. Non llo poñamos fácil. Por suposto que tratan de impoñer unha axenda  totalitaria coa escusa do virus. Claro que están a coartar as nosas liberdades e impoñendo medidas represoras e excesivas. Pero nós, negando a maior contra toda evidencia, non facemos se non desacreditarnos; servirllo en bandexa.

De nada vale subirnos ao carro conspiranoico e convertelo no noso cabalo de batalla. Mesmo aínda que algún tenda a pensar que nos están a enganar. É moito máis prudente non dar nada por sentado e posicionarnos só perante os feitos probados, que xa son bastante autoritarios de seu. As mascarillas poden ser molestas, quizá sexa unha medida esaxerada; pero nin son un complot para someternos, nin é certo que nos maten de hipoxia. Non pretendo defender o seu uso obrigatorio, nin moito menos a persecución dos infractores; pero tampouco vexo prudente iniciar unha loita a brazo partido contra os “bozales”, facendo da desobediencia o seu uso o estandarte da liberdade. Finalmente é unha medida profiláctica pasaxeira, probablemente excesiva, pero que non afectará gravemente ás nosas vidas.

A vacinación obrigatoria xa é fariña doutro costal. E non porque estea en contra das vacinas, que na miña opinión particular son un dos grandes descubrimentos médicos da humanidade (e persoalmente adminístromas ás veces cando viaxo). O problema estribaría na potestade do estado (e por extensión das compañías farmacéuticas) para introducirse dentro do noso propio corpo de forma xeneralizada e obrigatoria. E aquí non me refiro tanto a conspiracións capitalistas internacionais como ao perigoso precedente que suporía a institucionalización forzosa da nosa propia bioloxía. A supresión do dereito a dispoñer libremente do noso corpo e xestionar por nós mesmos a nosa saúde. Mesmo aínda que crese que a vacinación podería salvar moitas vidas, xamais pretendería impoñela pola forza. Da pel para dentro debe seguir sendo un dereito só noso, persoal e intransferible. Pero aínda opinando deste xeito, procurarei que non se me confunda con aqueles que pensan que as vacinas nos  envenenan. Aínda que crea no seu dereito a vivir como lles pete, sen que ninguén lles impoña o xeito de xestionar a súa saúde.

Negando a pandemia en base a discutibles probas sacadas da internet, só conseguiremos invalidar o noso discurso para opoñernos a todo o que se nos vén enrriba. Teñamos paciencia, que a verdadeira loita aínda está por chegar. Aproxímase a crise máis grave das últimas décadas e non convén entrar parecendo gilipollas. A nosa credibilidade será a mellor arma coa que enfrontarnos ao que está por vir, non a dilapidemos amparando as teorías máis rocambolescas que atopemos pola web.

Sexamos prudentes e non entremos ao trapo. A nosa capacidade de incidir nas protestas do futuro depende directamente diso.

Leave a comment