Crónica da protesta Antifascista contra os actos constitucionalistas da Coruña

Semella que os fachas andan no seu momento álxido. En pleno retroceso dos movementos populares, que aínda non souberon sobrepoñerse da máis que previsible traizón das alternativas electorais “progresistas”, os fachas viven agora o seu 15M. Gobernan as presuntas esquerdas e son agora as dereitas as que reclaman as rúas. En semellante contexto non é de estrañar que o aniversario do lifting democrático constitucionalista tivese sendos actos de glorificación na cidade herculina: un desde a dereita (con Paco Vazquez como cabeza de cartel e a plana maior do PP local ríndolle as grazas) e outro desde a extrema dereita (organizado por VOX).

A esquerda, por aquí polas Coruñas, hai tempo que anda a por uvas. Os Movementos Sociais, que en non poucas ocasións bailáronlle a auga aos falabaratos que cantaban o de “si se pode”, aínda non acertan ben a comprender que coño pasou coa revolución democrática que lles venderon (e eles compraron) pero que non acaba de aparecer por ningures. Así que tivo que ser Acción Antifascista Coruña quen convocara o acto de protesta e rexeitamento ante o festival da exaltación patriótica da máxica trasmutación do réxime fascista en estado democrático.

Empezaban os de VOX ás 12 da mañá na Praza de María Pita. Cando tentabamos reunirnos os antifas, abalanzáronsenos os antidisturbios prestos a identificarnos. Levoulles un longo cuarto de hora tomarnos os datos aos catro gatos que nos atrevemos a pisar a praza lateral do concello. Así, de paso, disuadiron a outros pra sumarse á protesta. Finalmente deixáronnos comezar e así se nos puideron unir algúns poucos máis que deambulaban polas inmediacións. Iso si, non nos permitiron baixar as escaleiras que nos separaban de María Pita e, consecuentemente, da piara de fachirulos que por alí empezaban a arrexuntarse.

Despregamos dúas pancartas “A constitución salvou ao réxime fascista” e “Contra o fascismo nin un paso atrás”. Apenas seriamos dúas dúcias de persoas, pero gritamos con ganas mentres aporreábamos cacerolas e pandeiretas e faciamos soar chifres para que, se non nos deixaban poñernos onde puidesen vernos, polo menos non lles quedara outra que escoitarnos. O tempo non acompañaba, o que nos restou afluencia a todos (a nós e ás nosas némesis), pero botouse en falta máis presenza contestataria que lles afease a conduta a aqueles que, en nome da democracia, precipítannos de cabeza cara ao totalitarismo. Polo menos os que estivemos alí, reclamándolles as rúas, non temos de que avergoñarnos. Durante máis de hora e media coreamos consignas contra a monarquía, contra o fascismo, a favor da inmigración e en contra da represión e do capitalismo. Finalizados os consecutivos actos constitucionais, e tras o inevitable cruzamento de insultos cos fachorros máis exaltados, retirámonos. Non sin antes ler un manifesto que serviu de colofón á protesta.

En vista do que se nos vén enriba, cunha crise rampante en ciernes, esperemos que máis xente esperte e se decate de que a loita é o único camiño. Por de pronto Acción Antifascista Coruña continúa nas rúas, presentando batalla contra o fascismo, o capitalismo e os seus falsos oponentes.

 

Na primeira versión de este artículo esquecín especificar que as fotos son dxs compas de Galiza Contrainfo, que, coma sempre, tamén estiveron alí. Mil perdones polo olvido!

Leave a comment