Condenados tres activistas por pegar cartazes o día de reflexión (A Coruña)

O pasado 9 de decembro fíxose firme a sentenza en contra de tres activistas coruñeses que pegaran cartazes durante a noite anterior ás últimas eleccións locais. O fallo xudicial, alcanzado por conformidade dxs acusadxs, xs condena a 6 meses de multa (900 euros cada un) e inhabilitación dun ano para o sufraxio pasivo (cousa que, tendo en conta que pegaban cartazes antielectorais, semella que xs deixou desconsoladxs).

Os feitos remóntanse á madrugada do 25 de maio do 2019, xornada previa ás eleccións, cando xs acusadxs foran interceptados pegando cartazes en contra do proceso electoral e alusivos ao recente desaloxo do Centro Social Okupado A Insumisa. Acusáronxs dun delito electoral previsto no artigo 144.1 da a Lei do “Régimen Electoral General”, que contempla penas de ata un ano de prisión ou 24 meses de multa. Finalmente a defensa alcanzou unha conformidade  pola pena mínima prevista.

Os feitos enmárcanse na campaña de repulsa ó desaloxo da okupa coruñesa C. S.O. A Insumisa, ordenado e dirixido polo entón goberno local de Marea Atlántica. Aquel acto represivo saldouse con varias persoas coa cabeza aberta, numerosxs  contusionadxs e diversos detidos (un deles chegou a pasar unha semana no cárcere de Teixeiro acusado, entre outras cousas, de sedición). Aínda quedan varias persoas procesada por aqueles feitos, algúns enfrontan a seria posibilidade de entrar en prisión e sancións de contías exorbitadas.

Leave a comment