Disturbios na Coruña tras do intento frustrado de manifestarse por Pablo Hasél

Onte, 26 de febreiro, a cidade herculina albergaba a terceira protesta contra a pena de cárcere imposta ao rapeiro leridano polo contido das súas letras e comentarios en redes sociais. Convocada polo Colectivo de Solidariedade cos Presos Políticos, desta volta non conseguiu reunir a abafadora asistencia da anterior protesta, realizada ás poucas horas da detención de Hasél e á calor da forte contestación popular alentada por ese inédito atentado gubernativo contra a liberdade de expresión.

Con todo, ao redor de dous centos de persoas déronse cita no obelisco da Coruña para gritar encendidas consignas pola liberdade do artista, contra a coroa, contra o fascismo, a favor dxs presxs e pola extensión da loita.

Tras da lectura do manifesto xs concentradxs enfilaron a rúa Real tratando de saír en manifestación, pero o amplo dispositivo policial despregado ao redor do evento concentrouse diante das pancartas, taponado a céntrica rúa peonil. Tras duns minutos de incerteza, sen máis altercados que os empuxóns policiais, xs manifestantes trataron de continuar a marcha enfilado a Rúa Nova, momento en que os antidisturbios (que neste caso comportáronse máis ben como “pro-disturbios”) cargaron con saña contra a multitude.
Algúns grupos de activistas, en protesta pola violencia policial, cruzaron contedores en San Andrés e Rúa Nova, prendendo timidamente algunha barricada e lanzando algunhas botellas contra as forzas represivas, auténticos provocadores da orde e da lei.
Non duraron moito as escaramuzas que, ata onde nós sabemos, saldáronse con polo menos un detido e varixs  contusionadxs.
A prensa do réxime, coma sempre, chamará violentos aos que recibiron os golpes e enxalzará aos sádicos  uniformados que repartiron estopa coma heroes da democracia. Peculiaridades da “neolengua” ao servizo do “ministerio da verdade”.
Pero cando ao pobo arríncanlle o dereito á palabra, encarcerando artistas e perseguindo calquera opinión disidente, non ficará outro remedio que pelexar pola liberdade a pé de rúa.
Vémonos na próxima!
Neste enlace podedes ver o video do comezo da carga grabado pola xente de Galiza Contrainfo.

Leave a comment