Golpe mediático/policial para acabar coa revolta: oito anarquistas a prisión

E ademais de anarquistas… italianos. Os titulares de todo-los xornais abrían onte as súas edicións coa exclusiva: os mossos de escuadra desactivaban a perigosísima conspiración internacional que ameazaba os nosos queridos contedores. A xustiza penal remataba o aviso a navegantes prescribindo prisión preventiva para os oito conspiradores conxurados para quebrantar a paz social do noso amado país (poñan aquí España ou Cataluña dependendo da liña editorial). Os cargos non son nada desdeñables: homicidio en grao de tentativa, atentado á autoridade, desordes públicas, danos, manifestación ou reunión ilícita e pertenza a grupo criminal. Toma Jeroma! Se aos de Altsasua metéronlles ata trece anos por unha liorta nun bar, a estes vanlles caer ata os pelillos dos dedos dos pés. En plena espiral represiva e no medio da revolta máis grande dos últimos tempos; creo que non esaxero o máis mínimo ao predicir que nestas circunstancias, e con todos estes cargos, a fiscalía vai pedir máis anos que se se cargaran a Isabel Pantoja cun abrelatas oxidao. E, bromas aparte, atrévome a augurarlles máis prisión da que se cumpre por un anónimo asasinato.

Tantos días de disturbios polas rúas catalás tiñan que rematar, o asunto era como facelo sen danar as sensibilidades do variado electorado concorrente na ecuación (nin podemitas, nin indepes ían tomar a ben a represión nos seus respectivos caladoiros). Pero os anarquistas non votan, e os italianos, ademais, tráenlla ó pairo tanto a cataláns como a españois, así que a conspiración internacional ácrata caeu como auga de maio, perfilando unha solución a gusto de todas. E ademais okupas, se é que o teñen todo! Xa apareceu o chibo expiatorio perfecto para comerse este marrón.

Redada dos mossos retransmitida aos catro ventos. Dous okupas achandadas, oito detidos (seis italianos, unha francesa e un español) e un pretendido grupo anarquista organizado que venderlle á opinión pública. Aínda por riba son os responsables da pequena fogueira no lateral do furgón da garda urbana. Imaxes que, polo impactante (aínda que en realidade inofensivo), deron a volta ao mundo. Intento de homicidio están a dicir, que o mosso a duras penas conseguiu escapar da furgoneta. Cando todos puidemos ver nos vídeos que o pequeno fogonazo, provocado pola vertedura dunha moi escasa cantidade de líquido inflamable, extinguiuse en poucos segundos sen conseguir apenas  tiznar de negro o furgón. Aínda que o policía quedara durmido dentro do vehículo non lle pasaría absolutamente nada; ese pequeno lume probablemente non o espertaría.

Pero os mossos de escuadra non querían quedar de parvos. Eles, que son a hostia reprimindo á xente, e agora verse avergoñados pola dimensión da revolta. Así que inventan que os responsables espontáneos da cacharela eran un grupo organizado, incluso unha organización criminal. Que os tiñan vixiados, que eles soiños esnaquizaron  inumerables bancos e todo un feixe de indefensos contedores. Que se protexían e vixiaban uns a outros porque eran… ¿amigos? non, un grupo criminal perfectamente coordinado. Ademais o dos anarquistas italianos vén saltando de cando en cando aos titulares dos xornais. É un clásico, poderiamos dicir, un auténtico hit desinformativo desde os tempos en que Fanelli tentou vendernos a Internacional. Así que xa temos suxeito malévolo para endosarlle o marrón; acorde coas peculiaridades etno-linguìsticas do estado, e ao refinado gusto da esquerda, a dereita, o centro e pá dentro.

E todos contentos: cabezas de turco que non restan votos; aviso a navegantes para frear uns disturbios que xa se están a facer incómodos en todo-los extremos do espectro parlamentario e carne de cañón coa que alimentar á jauría mediática da extrema dereita. Iso si, non me gustaría a min nadiña ser anarquista italiano afincado en Barcelona agora mesmo.

Leave a comment