Em apoio as presas e ante a situaçom derivada do Covid-19, familiares, amizades e solidárias convocam umha marcha a prisom da Lama. Terá lugar o próximo sábado 26 de Setembro às 11:00h saíndo do estacionamento do ponto limpo próximo ao cárcere. Tras a marcha haverá um jantar na praia fluvial do rio Verdugo e às 17:00h um encontro aberto no mesmo lugar, ou em caso de chuvia, na casa do povo da Lama. A seguir o texto que achegam da convocatória:
Covid, prisión e falta de medios: dobre condena
A situación extrema creada nos cárceres no contexto da alarma social e sanitaria creada polo COVID, levounos a un grupo de familiares e amizades de persoas presas, co apoio doutros colectivos implicados na defensa dos dereitos humanos, a denunciar o abusivo das circunstancias e demandar solucións á situación de vulneración dos dereitos das persoas presas:
Non se reduce a poboación penitenciaria, só os seus dereitos
Atendendo as recomendacións das máis altas institucións en materia de saúde pública, a maioría dos estados europeos reduciron o número de presas e de presos para evitar os riscos da pandemia. Pola contra, o estado español non fixo máis que agravar a situación da nosa xente presa, quitándolles un tras outro os seus dereitos. Nos últimos meses a poboación reclusa padeceu a suspensión de vises e visitas (incluso de avogadas/os), actividades programadas, titorías da UNED, servizo de demandadeiro, saídas a polideportivos, axuda do voluntariado, etc. A paralización dos Equipos Técnicos e das Xuntas de Tratamento impediu as progresións de grao e o acceso a réximes de liberdade condicional, infrinxindo o dereito fundamental á liberdade dalgúns internos e internas en condicións de saír á rúa en réximes de semiliberdade. Suponse que o cárcere serve para reinsertar ás persoas presas, pero nesta situación comprobamos como prevalece o castigo a calquera outro fin, que se ve agravado con medidas “sanitarias”, como as corentenas sofridas en réximes de isolamento estrito logo dos traslados ou das visitas. Isto é ilegal: se nas actuais circunstancias o estado non pode cumprir coa sua propia lei, que abran as portas e deixen saír ás persoas que teñen dentro. Polo tanto esiximos a excarceración das persoas presas, xa que Institucións Penitenciarias non cumpre nin a súa lei de réxime interno nin toma medidas efectivas e reais que velen pola súa seguridade e integridade.
Persoal médico case inexistente
Denunciamos a actual situación sanitaria dentro dos cárceres, totalmente insuficiente nunhas condicións normais, pero que resulta moi preocupante nun contexto de alarma sanitaria.
Esta situación é a que explica as medidas que se toman para abordar a crise: resulta máis barato restrinxir os dereitos dos reclusos que solucionar esta grave desatención médica.
Frente a gravidade desta situación, esiximos a excarceración das persoas presas vulnerables (as gravemente enfermas,as maiores de 60 anos e con patoloxías previas crónicas) e das mulleres embarazadas e con crianzas,
así como das persoas con enfermidades mentais ante un agravamento da súa saúde a consecuencia da vivencia dentro dun contexto de incertidume e maior illamento social.
Esiximos o dereito á saúde das persoas presas.
Se o coronavirus entra na prisión, haberá que baleirar os cárceres.
Non hai medidas compensatorias
Esiximos medidas para paliar todo o sufrimento co que vivenciamos esta situación durante meses, e o que está por vir. Denunciamos o desprezo co que son tratados os nosos dereitos cando se nos prohibe ver aos nosos seres queridos a través dun vidro. Mentres os carcereiros entran diariamente dende a rúa, o noso tempo de estar en familia, xa de por si escaso, pretende ser trocado por unha videochamada de dez minutos.
Queremos a devolución dos vises perdidos durante a corentena (compromiso adquirido pola maioría das direccións dos cárceres dos que temos información, que agora están sendo denegados sistematicamente) e os que se perdan diante de futuras restricións.
Queremos que se axilicen as concesións de terceiros graos, a liberdade para as presas e presos preventivos, indultos xerais ou parciais para cada interna/o e o abono polos días que dure a situación excepcional de alarma na liquidación da condena (producindo unha rebaixa extraordinaria equivalente á prolongación temporal desta situación).
Propomos que se tome a temperatura e en último caso, que se nos faga a proba ás familiares e amizades ao entrar na prisión, mais que en ningún caso se nos quiten as visitas e vises. Ademais están a ser os carcereiros os que na maior parte dos casos introducen o virus.
Facemos fincapé en que a desatención sanitaria nos cárceres non é dagora, ven de moi atrás. Situación
insostible que vemos nas mortes que acontecen nas prisións e das que ninguén se fai responsable.
DEFENDAMOS O DEREITO Á SAÚDE DAS PERSOAS PRESAS!
ante o aumento da falta de medios e dereitos pola pandemia:
ESIXIMOS A COMPENSACIÓN POLO RECRUDECEMENTO ENGADIDO DA ESTANCIA EN PRISIÓN
ESIXIMOS A REDUCCIÓN DA POBOACIÓN CARCELARIA
ABAIXO OS MUROS DAS PRISIÓNS!
para +info escríbenos: marchaalama@riseup.net
[…] Convocatoria da mani, cartaz e panfleto -Aquí. […]