Hai un par de meses que Mercadona anunciou a aplicación dun sistema para o recoñecemento facial dos seus clientes. Polo de agora só estase a utilizar en 40 locais de Mallorca, Zaragoza e Valencia, pero a cadea de supermercados non oculta a súa intención de estendelo a todolos seus establecementos. A razón esgrimida pola empresa para o escaneado biométrico da clientela é a detección “de persoas con sentenzas firmes e medidas cautelares de orde de afastamento en vigor contra Mercadona ou contra algún das súas traballadoras ou traballadores”. Ou sexa para evitar os roubos e furtos, comparando as caras de todolos seus clientes cunha base de datos que conteña os rasgos faciais dos ladróns pillados nos seus locais. Para iso recorreron á tecnoloxía da empresa israelí AnyVision, que en só 0’3 segundos é capaz de cotexar os rasgos dos usuarios cunha base de datos e, en caso de recoñecer algún infractor, avisar á policía.
A axencia Española de Protección de Datos anunciou unha investigación de oficio, pero a cadea do empresario Juan Roig asegura que consultou con eles todo o desenvolvemento do programa. Segundo Mercadona os datos faciais dos clientes recompilados polo sistema informático destrúense automaticamente despois de ser cotexados. Con todo resulta moi difícil de crer que esta cadea de supermercados implante este tipo de tecnoloxías coa intención exclusiva de detectar persoas con ordes de afastamento. Primeiro porque son moi poucas, pois non toda a xente á que pillan roubando nun Mercadona é sancionada con este tipo de medidas tan restritivas; a maioría dos furtos apenas conlevan pequenas multas. Segundo porque este tipo de tecnoloxía de recoñecemento biométrico aínda rexistra moitos fallos: a porcentaxe de erros é moi elevado (especialmente entre negros e mulleres, pois a maioría das probas coas que testan os programas son homes brancos). Por iso moitas empresas que adquiriran este sistema isaraelí acabaron por desvotalo. E terceiro porque, en vista do exposto, dificilmente poderán aforrar máis cartos do que poida custar a súa implantación (polo menos a curto e medio prazo).
Evidentemente o de tratar de salvagardar ás súas traballadoras mediante o recoñecemento das persoas que teñan orde de afastamento delas iso xa é unha parvada descomunal utilizada co fin exclusivo de branquear unha medida tan impopular. Á fin e ao cabo para poder xustificar o tratamento de datos destas características facíalles falta unha razón de “interese social”. Nada mellor que invocar a “violencia de xénero” para anestesiar a sociedade.
Pero que intereses ocultos podería ter a empresa? Pois probablemente o tratamento de datos estatísticos da súa clientela. En principio iso sería ilegal, pero como poderiamos sabelo? A empresa non só podería coñecer cando, onde e que compramos, se non que podería cruzar os nosos datos biométricos cos das nosas tarxetas de crédito.
Hai tempo que a información privada das persoas é a mercadoría máis cotizada e mellor pagada. As empresas compran e venden os nosos datos para poder ofrecernos os seus produtos de maneira personalizada. Agora este tipo de tecnoloxía vai un paso cara a adiante no mundo do ciber-control, permitindo monitorarnos máis aló do noso móbil, o noso computador, ou a nosa tarxeta de crédito. E é evidente que a implementación social destas tecnoloxías non quedará só en usos empresariais. Á policía isto vénlle de perlas: non é casualidade que a día de hoxe moitas condenas utilizan como proba as cámaras de uso comercial que vixían as rúas.
Xa falamos neste blogue do interese manifesto do goberno pola supresión do diñeiro en metálico, outro vello soño totalitario. A tecnoloxía de recoñecemento facial xa non é cousa de películas de ciencia ficción, ou recursos só ao alcance dos axentes da C.I.A.; agora ata as cámaras do supermercado do barrio poden recoñecerte pola túa cara.
E moita xente dirá que se eles non fixeron nada malo non teñen nada que temer. Pero que pasará cando o próximo chalado totalitario que chegue ao poder no mundo (e estade seguros de que chegará) pretenda eliminar aos que pensen distinto? Só terá que apertar un botón para atopalos.
Feliz 1984!!