Hai xa tempo que o noso flamante goberno de esquerdas, adalid das liberdades e dos dereitos civís, coquetea coa idea de implantar abertamente a censura. Esa liberdade de expresión da que eran furibundos defensores, especialmente os do meneillo de Podemos (que pretendían asalta-las institucións, mira ti!), semella que xa non lles gusta tanto cando son elxs xs sinaladxs no exercicio das súas funcións como capitostes do poder. Certamente cóntanse moitas mentiras sobre o gobernó e están sometidos a un duro tratamento de descualificación continua, moitas veces orquestrado desde escuros sotos da élite económica. Non o dubido. Pero así é a democracia amigxs. E para unha cousa boa que ten, que é a liberdade de expresión, non vaiamos agora a poñer o berro no ceo. Cando lle tocou a Rajoi aguantar o chaparrón, non lle quedou outra que fodeser. E non o digo por simpatía co expresidente (o que gocei eu cagándome nos seus mortos cando era menester) se non porque agora, gústelles ou non, son elxs xs que calzan eses zapatos e tócalles a súa parte da ración.
O caso é que como está claro que ser de esquerda non é sinónimo de tolerancia á crítica (e se non que llo digan a papito Stalin) pois agora xs nosxs amigxs xs progres de pantuflas e albornoz decidiron desempolvar as vellas tesoiras de recortar liberdades. Nada novo baixo o sol, á fin e ao cabo o socialismo “científico” (que os anarquistas sempre chamamos “autoritario”) nunca tivo demasiados reparos á hora de andar por aí silenciando disidencias. Non esquezamos en quen pensaba George Orwell cando escribiu a súa novela máis aclamada. E é por iso que xa hai meses que a enquisa do “CIS de Tezanos” incluíu a famosa pregunta sobre censura institucional: “Cre Vde. que nestes momentos habería que prohibir a difusión de bulos e informacións enganosas e pouco fundamentadas polas redes e os medios de comunicación social, remitindo toda a información sobre a pandemia a fontes oficiais, ou cre que hai que manter liberdade total para a difusión de noticias e informacións?”. Prudentemente o bipartito progresista xa empezaba daquela a tomar o pulso da poboación ante o que estaba por vir.
Despois diso continuou o queixume constante do goberno, entoado especialmente desde a estratexia plañideira de Podemos, contra os bulos e a intoxicación mediática. Que repito que eu desde aquí non pretendo poñer en dúbida, é evidente a campaña de desprestixio contra o goberno. Pero eche o que hai cando gobernas: o normal é que che poñan podre. E nunca se debería enfrontar un problema xerando un maior: iso é o que popularmente se coñece como matar moscas a cañonazos.
E os cañonazos comezaron fai un par de semanas, cando Podemos presentou no congreso unha proposición para “eliminar mensaxes de odio das redes sociais”. O obxectivo declarado era evitar “linchamentos dixitais” derivados da “polarización ideolóxica”, vamos, que non lles tocasen os collóns. E triunfaron, pois aprovouse a pesares da previsible oposición de VOX e do PP, que evidentemente non terían ningún problema en apoiar algo semellante se fosen elxs xs que estivesen no poder e xs outrxs xs prexudicadxs. Acordémonos da lei mordaza, aprovada por estes últimos e que agora a “esquerda” aplica sen remordimento nin vacilación. Como quen dí “tanto monta, monta tanto…”, a hora de reprimir todo-los gatos son pardos.
E así foi como saíu para adiante a proposición non de lei para a “prevención da propagación de discursos de odio no espazo dixital”. Semella que o partido pretendidamente esquerdista cre que é necesario intervir a libre difusión de información e “adoptar medidas para previr a propagación de mensaxes de odio nas redes sociais”. Invocando a defensa das liberdades para facer exactamente o contrario aseguran que “os discursos de odio foron unha reacción aos avances en materia de pluralismo, tolerancia á diversidade e multiculturalismo rexistrados na últimas década”; razón pola que decidiron meterlle man á liberdade de expresión. A intención declarada da nova lei é forzar ás compañías tecnolóxicas a eliminar contidos das redes sociais: “os operadores das empresas TIC terán 24 horas para eliminar ou deshabilitar da web os contidos que inciten ao odio e á violencia; ou unha hora cando as vítimas sexan menores”. Implementando tamén a xudicialización dos contidos denunciados: “aumentar a cooperación entre os operadores das empresas TIC coas autoridades fiscais e policiais competentes. Os operadores terán a obriga de almacenar temporalmente o contido de incitación ao odio denunciado e de poñelo ao dispor da autoridade xudicial co fin de investigar, identificar e axuizar infraccións penais”. Achandando así o camiño á persecución penal das ideas expresadas online. Con todo, a eliminación das mensaxes non corresponde aos xuíces (como cabería esperar dun suposto “estado de dereito”), se non ás empresas que operan as redes sociais, polo que, ao facelas directamente responsables dos contidos que amosan, acabarán por eliminar calquera mensaxe potencialmente “perigosa” para non meterse en problemas. Vamos, que o goberno pon en mans de empresas privadas a censura dos contidos, e estas veranse forzadas a unha escrupulosa corrección política para non cargar con responsabilidades indesexadas.
Para poder aprobar semellante “tijeretazo” á liberdade de expresión, o goberno e os seus socios invocan outras leis máis ou menos parecidas implantadas en Alemaña ou Francia. O que non din é que esas leis xa foron profusamente criticadas e deostadas nos seus países de orixe por multitude de asociacións e organismos non gobernamentais. En Francia mesmo derogáronse algúns aspectos por anticonstitucionais (os referidos á retirada de contido online concretamente).
Non contentos con semellante supositorio autoritario, o goberno chachi-progre do bo rollito, volveu á carga publicando no BOE do 5 de novembro un “procedemento de actuación contra a desinformación”. Pretendidamente busca unha defensa contra as “fake news” impulsadas desde o estranxeiro; ataxar as inxerencias doutros países na política nacional por medio da difusión masiva de noticias falsas. Certamente a utilización dese tipo de recursos por parte dalgúns países para influír ou desestabilizar outras nacións é un feito contrastado que adquire cada vez máis notoriedade e relevancia. O problema vén de que a redacción ambigua da orde non parece perseguir unicamente tan loable fin, se non que deixa a porta aberta a un control moito máis exhaustivo das redes sociais. E ademais supervisado unicamente desde o goberno de turno. Chove sobre mollado.
Para empezar, e antes de entrar noutras cuestións, teño que dicir que como anarquista considérome contrario a calquera limitación en canto á liberdade de expresión. Penso que as ideas daniñas non se combaten impedindo á xente expresalas, se non todo o contrario: debaténdoas e refutándoas publicamente ata acadar o absoluto rexeitamento social das mesmas. Por suposto que hai que combater as mensaxes retrógradas, racistas ou discriminatorias; pero na rúa, con repulsa social e sinalización cidadá, non desde os tribunais nin as institucións recurrindo a multas e sancións. Cando o estado é o encargado de dicirlle ao pobo que é o que pode ou non pode dicir e que é o que pode ou non pode escoitar, o totalitarismo está garantido. O pobo autoorganizado debería bastarse a si mesmo para sinalar e arrinconar os discursos indesexables. Por iso eu sempre fixen miña a frase atribuída a Voltaire: “Poderei non estar de acordo co que dis, pero defenderei ata a morte o teu dereito a dicilo”. Se só creo na liberdade de expresión dxs que pensan o mesmo ca min, Onde está a liberdade? en que se diferencia do fascismo?
Unha vez dito isto, no que moita xente non estará de acordo mesmo na esquerda transformadora e contestataria, toca explorar os aspectos estratéxicos e tácticos da cuestión, moito máis entendibles desde posicións menos libertarias: Vivimos nun réxime capitalista, o poder económico (e consecuentemente gran parte do político) atópase en mans de bancos, oligopolios e empresas transnacionales. As institucións e os estados responden os intereses do gran capital. O sistema tende a perpetuarse e reproducirse mantendo o status quo coa maior estabilidade da que é capaz. Nestas circunstancias calquera norma que limite a liberdade de expresión vai recaer de maneira inapelable sobre calquera que cuestione ao propio sistema. Dá igual que a norma se implemente para protexer ás minorías ou a algunha clase desfavorecida, unha vez aprobada calquera limitación de dereitos e liberdades acabará usándose para perseguir aos inimigos do poder. Se lle damos armas ao estado, acabará utilizándoas na nosa contra, independentemente dos fins nobres e loables para as que fosen deseñadas. É por iso que a lei que persegue os delitos de odio, que nun principio se aprobou para defender xs homosexuais e outras minorías, na práctica úsase maioritariamente para perseguir xs que insultan á garda civil polas redes sociais. Seguindo o principio da “cirurxía e a anestesia”, antes de implementar leis liberticidas sempre se aplica unha anestesia social: protexer algún dereito ou combater algunha terrible inxustiza mediática coa que a poboación se vexa moi sensibilizada; logo virá a cirurxía que nos ampute a liberdade.
É por todo isto que eu non me alegro cando a lei persegue a algún neonazi impresentable por exhibir simboloxía fascista ou insultar minorías polas redes sociais. Primeiro porque creo que a liberdade de expresión é sagrada e innegociable, e que as contas que esas ideas aberrantes deberían de saldar hai que pedilas nas rúas, desde a sociedade civil, non desde despachos, parlamentos nin xulgados. Pero en segundo e non menos importante lugar, porque a mesma lei que agora persegue aos nosos inimigos acabará por aplicarse na nosa contra. Se agora os discursos de odio son os dxs fascistas, mañá serán os de anarquistas e comunistas. Se agora os símbolos perseguidos son as esvásticas e os aguiluchos preconstitucionais, mañá serán as A circuladas e as fouces e martelos. Se agora molestan os “Viva Franco”, por consideralos discursos de odio, no futuro incluiranse os “morte ao estado” ou “viva a revolución”. E se agora esta lei a apróba un goberno de “esquerdas” (do que non me fio nada, por certo, á hora de perseguir disidentes), Que pasará cando suban ao poder xs seguintes e atopen esta lexislación tan apetitosa a hora de reprimir? Toda lei que persiga as ideas, por moi fascistas que estas sexan, acabará por aplicársenos a nós; do mesmo xeito que toda censura á hora de expresarse, por moi dirixida a defender minorías ou dereitos que se pretenda, acabará tapando as nosas propias bocas: as dxs antisistema.