Marcha á Prisión de Teixeiro e convocatorias alternativas (Coruña)

Este sábado 26 de decembro terá lugar a XXI Marcha ao cárcere de Teixeiro.
Cando lanzamos esta convocatoria aínda non coñeciamos o agravamento das restricións de mobilidade derivadas do COVID, que manteñen actualmente todas as cidades galegas (menos Ourense) baixo cerco perimetral. Aínda que en teoría o dereito a manifestarse debería prevalecer sobre estas restricións (e máis tendo en conta que a protesta está oportunamente legalizada), o longo historial sancionador que pesa sobre a Marcha a Teixeiro fai pensar que os picoletos poderían pasarse os dereitos fundamentais polo forro dos collóns, como teñen por costume, e multar a todo o que se salte o confinamento.
É por iso que na cidade da Coruña decidimos convocar unha concentración alternativa o mesmo día e á mesma hora (26 ás 11 h) fronte ao Teatro Rosalía, entre a rúa Real e Riego de Agua. Desde alí amosaremos o rexeitamento ao sistema penal, a repulsa polo agravamento das condicións carcelarias debido á pandemia e a solidariedade coas persoas presas.
Iso non quita que quen queira arriscarse acuda á Marcha (con saída desde a gasolineira situada no km 663 da N-634), se é posible cunha declaración autorresponsable, asinada por un mesmo, que indique o motivo do desprazamento. E así berrar as nosas verdades ante os muros do presidio, onde os presos e os carceleiros poidan oílo.
En caso de ter noticias doutras posibles concentracións alternativas, ou algún modelo de declaración responsable, actualizarémolo nesta mesma entrada.
Arriba a solidariedade cos represaliados do sistema!
Abaixo os cárceres e o mundo que os necesita!

Leave a comment